Compromiso por Lalín (CxL) emiteu onte un comunicado no co que pretende denunciar a situación do centro de saúde do municipio. Esta formación política faise eco dunha situación que lle trasladan traballadores do ambulatorio en relación ás carencias que presentan estas instalacións. Compromiso pregunta se estas "chapuzas" da Consellería de Sanidade afectan ou non ás garantías de salubridade mínima que debe ter un centro sanitario, se ben non explica con claridade cales son os principais problemas que sofren estas dependencias. Desexa coñecer se o departamento autonómico de Sanidade, ademais da súa falta de respeto ao Concello de Lalín, tamén a ten polos seus veciños ou polos traballadores deste centro sanitario, "ao ter que traballar en condicións lamentables". Agarda que cando o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, "chegue co maná anunciando antes das eleccións, xa que non respecta os convenios como os do Centro de Alta Resolución (CAR), polo menos permita aos traballadores poder exercer a súa función cunhas condicións mínimas".