A Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada e a Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere, en colaboración co Concello da Estrada, levarán de novo a súa peza Voa ao Teatro Principal. Será o próximo domingo ás 19.00 horas. As entradas poden mercarse no departamento de Cultura do Concello, segundo andar, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou en Calzados A Esquina. Teñen un prezo de cinco euros.

Desta volta, este espectáculo de teatro, danza e música cruzará fronteiras, xa que o sábado 24 representarase en Braga (Portugal), xa que forma parte da programación da 4ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza Canto D' Aquí. Será ás 21.30 horas no Auditorio Adelina Caravana Gulbenkian. A celebración desta semana ten como finalidade homenaxear, a través da música, literatura e poesía, a dúas figuras importantes da Cultura de Portugal e Galicia: José Afonso e Rosalía de Castro.

Voa é unha iniciativa que xorde da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e da Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere co obxectivo de honrar a lembranza dun autor universal: Xosé Neira Vilas e é interpretada por medio cento de persoas. Adaptada a partir da novela O espantallo amigo, a peza, duns 50 minutos de duración, é un canto á liberdade e á amizade. Un alegato pacifista no que a concordia, a solidariedade e a harmonía entre diferentes constitúe o cerne do relato. Na historia, o tío Ramón decide construír un espantallo para defender unha figueira das peteiradas voraces dos merlos, pero o boneco, no canto de espantar aos animais, decide facerse amigo deles e sementar a concordia entre todos os habitantes da horta.

O espectáculo vai dirixido ao público infantil e familiar e inclúe ademais varios poemas do libro infantil Cantos de sol a sol. A dramaturga encargada da adaptación foi Ana María Carreira.