No presente ano, cúmprense 25 da posta en marcha da Fundación Neira Vilas, na casa na que residían o autor máis insigne de Vila de Cruces, e a súa dona, Anisia Miranda, desde que voltaran da emigración. Á espera de que desde a entidade se dean a coñecer todos os actos que conmemoran este aniversario, xa hai dúas boas noticias, e veñen en forma de libro. Durante o labora de catalogación da obra do escritor en dita fundación, apareceron dous libros inéditos, que verán á luz baixo a editorial Galaxia e dentro da Biblioteca de Autor que esta empresa dedicou, xa en vida, a reunir a obra do pai de Memorias dun neno labrego.

Así, xa neste ano, e en concreto no mes de abril, publicarase De Gres a Cádiz, un libro composto por un "ramallete de lembranzas, de prosas condensadas que comecei a escribir, de vagariño, en xaneiro de 1996", tal e como afirma o propio autor no limiar que deixou preparado para esta edición. Neira Vilas recoñecía, tamén, que neste novo libro abordaba unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de "revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás". Neste De Gres a Cádiz enmárcanse as vivencias do autor nos seus primeiros 20 anos de vida, que transcorren entre a aldea que o viu nacer e a chegada a Cádiz, a cidade na que se embarcou cara a América disposto "a vivir unha nova etapa". Desta maneira, o volume permitirá completar con precisión ese chanzo na súa biografía, tal e como indica a propia editora. Neste novo libro, e como é característico en toda a súa producción literaria, Neira Vilas bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu e viviu. A edición deste novo volume corre a cargo da profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra, experta ademais na obra do autor cruceño e que seguiu moi de preto a xestación deste proxecto canda o seu autor. O ano que vén sairá luz outro libro inédito, pero xa de corte máis intimista.

Convén lembrar, por outra banda, que a Fundación mantén aberto ata o 30 de xuño o prazo de presentación de obras ao III Concurso Balbino de Relatos. O eixo temático pode centrarse no mundo rural, pero tamén no mar ou na emigración. O premio é de 1.500 euros, ademais da publicación da obra, e o gañador darase a coñecer en outubro. Xián Lois Alcayde, da Coruña, e Ricardo Cid, de Ourense, foron os escollidoss nas dúas edicións anteriores.