Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cóengo Ramiro Ciorraga Soto e a familia Torres Agrelo (I)

Lazos de veciñanza unen ás dúas familias pero tamén o común aliñamento político e a participación no agrarismo católico estradense

Recordatorio da primeira misa de Luis Torres.

No libro Ramiro Ciorraga Soto. Fillo predilecto da Estrada, de Manuel Castiñeira Rodríguez e Olimpio Arca Caldas, recóllese a seguinte información sobre o futuro cóengo da catedral de Santiago de Compostela: "Ramiro, todo vocación, recibe as ordes de diácono en decembro do ano 1891, nas témporas de Advento. Para recibilas precísase un informe previo de conduta moral e relixiosa irreprochable do ordenado. Será unha declaración escrita de catro testemuñas, honorables e probos veciños da parroquia do diácono: D. Ramón Rodríguez Márquez, escribano habilitado na Estrada; D. Francisco Torres Agrelo, profesor veterinario; D. Manuel Otero Vinseiro, avogado en exercicio na Estrada; D. Cayetano Vicente Lafuente, comerciante. Estas persoas declaran coñecer aos seus finados pais e ao futuro diácono. As presentacións destas testemuñas e a declaración da súa honradez foi asinada polo párroco de Ouzande Rvdo. D. Francisco González de Penela".

Ramiro Ciorraga Soto nacera na Estrada o 17 de xaneiro de 1869 no actual número 14 da Praza de Galicia, a poucos pasos da casa do veterinario Francisco Torres Agrelo, un dos asinantes da declaración, que habitaba o agora número 4 da rúa de Serafín Pazo e era fillo de Andrés Torres González, de San Martiño de Callobre, e de Manuela Agrelo Porto, de Santa María de Rubín. Lazos de veciñanza e amizade unen as dúas familias, pero tamén o común aliñamento político e a participación no agrarismo católico estradense, nos que se incorporan igualmente Manuel García Barros e Antón Losada Diéguez.

Estamos en plena Restauración borbónica asentada no caciquismo e no turnismo dos partidos Conservador e Liberal, sendo o concello da Estrada dominio deste último, a través do marqués de Riestra, polo que as diverxencias políticas se dirimían aquí entre diferentes bandos "liberais", cos seus respectivos "notables", nomeadamente Gumersindo Otero e Miguel Nine. Como di X. C. Garrido Couceiro, "a loita polo poder local vaise polarizar entorno a estes dous últimos nomes, establecéndose dous bandos irreconciliables que van agrupar distintas familias da Estrada nunha ou noutra trincheira na loita polo control do concello". E as familias Ciorraga e Torres Agrelo agruparanse precisamente na facción de Gumersindo Otero.

Nótese que en 1895 asumira a alcaldía da Estrada o avogado Laurentino Espinosa Valladares, sobriño do polígrafo Marcial Valladares e futuro sogro de Antón Losada Diéguez, sucedéndolle no cargo, en xaneiro de 1902 e até xaneiro de 1904, un cuñado de Ramiro Ciorraga Manuel Cajide Iglesias, tamén avogado.

Ramiro Ciorraga celebra a súa primeira misa en 1893 na antiga igrexa de San Paio da Estrada e en 1899 alcanza a dignidade de cóengo da catedral compostelana. Pasados uns anos, o domingo 12 de xuño de 1904, Luís Torres López, fillo de Francisco Torres Agrelo e Carmen López Gil, cantaba tamén a súa primeira misa na mesma igrexa estradense apadriñado polo propio Ciorraga.

Entre tanto, en 1903 falecera na cidade de Nova York Dora Emmons Plat, muller de Manuel Torres Agrelo, irmán de Francisco, deixando unha filla, Manuela Torres Emmons, que vivirá e finará en Rubín. Regresado dos Estados Unidos, Manuel contrae segundas nupcias con Felisa Pena Recarey o día 10 de outubro de 1904, nunha cerimonia celebrada na catedral de Santiago e oficiada significativamente polo cóengo Ciorraga.

Algún tempo despois, no mes de maio de 1907, chega de Madrid á Estrada, con 22 anos, Antón Losada Diéguez quen, seguindo os pasos de seu pai, o notario Miguel Losada Losada, entra en contacto co grupo de Ciorraga e toma parte activa na loita política estradense e no traballo de organización das sociedades agrícolas. Xa temos, por tanto, reunidos a Ramiro Ciorraga, o inspirador e "verdadeiro estratega da disidencia católico-agraria estradense" (seguindo a J. A. Durán); a Losada Diéguez, "desde maio de 1907 o elemento capital da disidencia"; a Manuel Torres Agrelo, "principal figura estradense nese modelo agrario que Losada Diéguez apadriña; o seu home de confianza de toda a vida", e "a cabeza de turco, como director de El Estradense, Manuel García Barros, o futuro Ken-Keirades".

Así as cousas, o domingo 5 de maio de 1907 ten lugar un mitin agrícola na Praza de Oca, no cal interveñen tanto Losada Diéguez como Torres Agrelo, presidente da activa Sociedade de Pardemarín. O xornal Voz del Pueblo publica entón varios artigos anónimos arremetendo contra o modelo sindical alí defendido, contra a suposta politización das sociedades agrícolas e contra o mesmo Torres Agrelo, acusado de republicanismo por defender a fórmula "Liberdade, Igualdade, Fraternidade".

O contra-ataque de Losada Diéguez non se fai esperar, asinando en El Estradense tres artigos baixo a epígrafe común de En la liza: " Si el cronista dice que el Sr. Torres Agrelo habló de republicanismo miente, y si él por su cuenta dice que las tres palabras "libertad, igualdad y fraternidad" constituyen la fórmula del republicanismo incurre en supina ignorancia. "Libertad- Igualdad-Fraternidad" es fórmula de doctrina de Jesucristo, cabe en toda organización social cristiana, no es exclusiva de forma política alguna." E noutro lugar: "Que las sociedades agrícolas eligirán concejales... Pues no faltaba más; los han de elegir e irán al Ayuntamiento a defender sus intereses, a laborar por el país sin estar sometidos a Juan ni a Pedro, sino únicamente al mandato de sus electores, como lo manifestó a unos y a otros políticos el Sr. Torres Agrelo, candidato a concejal, propuesto por la Sociedad Agrícola de Pardemarín."

Precisamente por este empeño en entrar no concello, os agraristas da Estrada participarán no proxecto político e electoral da Solidaridad Gallega. Voz del Pueblo, persistindo na súa actitude belixerante, inicia deseguido unha campaña de ataques persoais contra o cóengo Ramiro Ciorraga, o que orixina unha carta de protesta publicada en El Estradense o 6 de xullo de 1907 e subscrita polo clero da comarca. Entre os firmantes figura, como se podía esperar, o sobriño de Manuel Torres Agrelo, Luís Torres López, nesa altura coadxutor in cápite de Aguións.

En tal contexto, Losada Diéguez chega a proxectar unha "revista quincenal social-agraria" co título de El Labrador, " fundada por las asociaciones agrícolas del Ayuntamiento de La Estrada" e que tería como director a Torres Agrelo, aínda que a publicación nunca verá a luz.

Compartir el artículo

stats