Non lle fixo falta máis ca abrir a boca para arrancar os primeros aplausos dos centos de persoas que enchían a carpa da I Festa Gastronómica do Porco de Silleda: "Fan unha festa do porco e pensan en min...", abriu Xosé Antonio Touriñán a presentación dun evento que, como el tamén remarcou, resume á perfección o espírito festeiro galego: "Xuntar diñeiro para facer outra festa e volver comer". E si, ese e non outro é o obxectivo da cita culinaria que onte e hoxe organiza a Asociación de Festas de Silleda.

Touriñán conquistou a un público maioritariamente trasdezao pasando lista a cada unha das 33 parroquias do municipio "para ver se é verdade que existen todas". Logo de albiscar a un veciño de Abades entre a concurrencia, ninguén se recoñeceu de Ansemil, "non viñeron, son vexetarianos". De "Breija" (cousas da Wikipedia) si se alzaron moitas mans: "Carallo, son comedores!". E así ata chegar a Silleda, cando o balbordo foi xeralizado: "Los de la capital... Cantos sodes!". Feito o guiño local, o "orgulloso presentador, que non pregoeiro", da festa loubou as características culinarias do porco, "o animal que máis proveito ten, desde o fuciño ata o rabo". E iso malia a "teima" que teñen os médicos, "porque a carne de porco é o primeiro que che quitan; bueno, o primeiro é o viño, que o queren todo para eles". Non faltou a particular e galeguizada versión do clásico Os tres porquiños, apostila incluida:"Por certo, eu nunca vin en Galicia un lobo que comera un cocho; ovellas, vacas e cabalos, si, pero cochos non". "Espero que en dous ou tres anos non se colla nesta carpa e haxa que ir ao recinto ferial a facer unha Semana do Porco", rematou Touriñán.

A celebración volveu á tardiña e seguiu nas primeiras horas da noite animada polas gaitas dos Sin Son e polo Grupo Canela, con Javier Comesaña. E terá continuidade hoxe en horario de 12:30 a 16:30 para os que quedaran con gañas de repetir e, sobre todo, coa intención de atraer novos comensais que consoliden as boas perspectivas iniciais de onte. Fuciño, lingua, rabo, patas, orella, cacheira, panceta, costela, lombo, lacón cocido ou xamón curado son as partes do porco que se poden degustar por ración, a 3 euros, igual que a empanada de lombo ou de chourizo e panceta, entre outros manxares. A Banda Xuvenil de Silleda animará unha xornada na que tampouco faltará o folclore tradicional galego.