-Ao pensar no turismo en Silleda un lémbrase da Fervenza do Toxa e do mosteiro de Carboeiro. ¿Hai algún proxecto para dar a coñecer outros enclaves do municipio?

-A Fervenza do Toxa e o mosteiro de Carboeiro son as dúas xoias que temos no concello, unha natural e a outra histórica. Pero o turismo de Silleda é moito máis. De feito, temos un montón de enclaves que son moi visitados, como a Fervenza da Férveda, o muiño de Covián, a praia de Cira... E tampouco podemos esquecernos de que pasan miles de persoas ó ano polo noso Camiño de Santiago. É unha falacia dicir que o turismo de Silleda se limita á Fervenza do Toxa e a Carboeiro. Dende a Concellería de Turismo estase a traballar na promoción dos enclaves turísticos do Concello. Estamos asociados a proxectos tan importantes como Área de Santiago, Goza do Ulla ou Entroidos do Ulla. Sempre hai proxectos e sempre se están facendo cousas para promocionar o noso concello.

-Nun ano, Silleda protagonizou dúas polémicas por ataques a xacementos castrexos. ¿Axudará o novo Plan de Urbanismo a controlar este tipo de situacións? ¿Hai que incidir máis na protección ó patrimonio?

-En canto ós ataques ós castros, houbo dúas problemáticas. Unha delas é particular, e aí non vou entrar, xa decidirá quen lle compete e a quén corresponde facelo [Cuiña refírese á explanación na área de protección do Coto de Torrón, en Escuadro]. A outra [nas obras de acceso á igrexa de Cortegada] non foi un ataque a un castro, foi unha polémica que se levantou por unhas obras que se fixeron nunha estrada. Ataque a castro non houbo ningún. De todas formas, o PXOM clarifica moito máis todas estas situacións. Teño que engadir que en Silleda o patrimonio está moi protexido e temos conciencia del.