A vida non lle concedeu a Xosé Neira Vilas unha prórroga para ver en funcionamento a Casa de Balbino, no casco urbano de Vila de Cruces, ou a aula tamén adicada a Balbino que vai intalarse na granxa escola O curral do Galo Celta, en Añobre. Pero ao longo dos seus 87 anos, este xornalista, escritor, académico e dinamizador cultural tivo a oportunidade de inaugurar moitos espazos públicos que foron bautizados ou ben co seu nome ou ben co da súa personaxe literaria máis coñecida.

No seu concello, Vila de Cruces, Xosé Neira Vilas dá nome á biblioteca municipal e tamén a unha rúa do casco urbano próxima ao colexio. Tamén se bautizou así a biblioteca de Touro, ao aoutro lado do pantano, por non falar da municipal de Vigo, ou, máis preto, a do colexio Xesús Golmar, xa en Lalín. E xa que falamos da capital do Deza, hai que destacar a estreita relación que mantiñan Xosé Neira Vilas e Lalín. En 2011, e sendo alcalde José Crespo, inaugurouse a rúa Memorias dun neno labrego, coincidindo co 50 aniversario da publicación da obra. Dende entón, unha escultura de Balbino preside a entrada á rúa e, desde onte pola noite, aos pés dela hai un ramo de flores depositado por Compromixo por Galicia. Nese mesmo ano 2011, en febreiro, o literato fora nomeado Comendador do Cocido. Onte, tanto o exalcalde Crespo como o seu sucesor no cargo, Rafael Cuiña, amosaron o seu pesar por tan grande perda. Crespo lembra o profundo agarimo de Neira Vilas por Lalín, "que era parada obrigada para a presentación de todas as súas obras". Pola súa banda, Cuiña sinala que "coas súas obras foi quen de situar a paisaxe do Deza, a nosa paisaxe vital e afectiva, como un dos espazos de referencia da literatura universal".

Á marxe dos enclaves públicos que levan o seu nome, tamén foron moitos os colectivos que lle quixeon rendir unha homenaxe elevándoo a socio de honra. Os últimos en facelo foron a Asociación Cultural Vista Alegre, da Bandeira, e a Mestre Manuel Gacio, de Lestedo, en Boqueixón. Os dous tributos tiveron lugar hai escasas semanas e son un exemplo máis de ata qué punto Neira Vilas formaba parte da dinamización cultural da comarca e tamén dos municipios limítrofes ao outro lado do Ulla. Isto tamén explica que dende a asociación Adellís, de Silleda, se emitise onte un comunicado no que se indica que o legado de Neira Vilas "vai máis alá dunha produción literaria. Para con nós sempre permanecerá unha lección de compromiso coa cultura, coa sociedade, coa nos lingua e con Galicia".

Neira Vilas non gostaba de falar de política. Quizais por iso, todos os partidos políticos, sen excepción, deixan patente a súa pena polo seu pasamento. Dende Silleda, o alcalde Manuel Cuiña sinala que a súa morte "é unha gran perda para todos os galegos, porque Neira Vilas é xa patrimonio dos galegos". Lembremos que na Bandeira o ano pasado organizouse unha exposición sobre Balbino. O seu homólogo da Estrada, José López Campos, resaltou o vínculo cultural e persoal que tiña Neira co concello. O BNG a nivel comarcal tamén se suma ó dó e di que marcha un home "que contaxiou amor á terra e orgullo polo noso, e mantivo unha defensa inquebrantabel da lingua".