En cada centro educativo no que imparte clase ou en cada biblioteca pola que pasa, Gracia santorum deixa como herdo un club de lectura. Así o fixo no Carballiño, no IES de Forcarei, e tamén no de Silleda. En Trasdeza, onde deu clase ata o ano pasado, tamén axudou a poñer en marcha o Club de Lectura da biblioteca Daniel Castelao, a finais de 2012. Este colectivo retoma hoxe a súa actividade cun coloquio con Berta Dávila.

-O club comezou con 15 persoas, e o número varía cada ano tanto de número como de perfil de membro. ¿Cal é o máis frecuente?

-Ó club acoden tanto exalumnos meus como persoas xubiladas. Temos un pouco de todo. Sen embargo, boto en falta que acudan máis homes, quizais é debido a que o sector masculino le menos ou é máis reticente á hora de expoñer en grupo as súas impresións sobre un libro.

-¿E qué tipo de lectura é a que prefiren os membros do club? Tras case dous anos de experiencia, ¿xa se conseguiron desterrar tópicos como que a poesía é difícil e só xira en torno ó amor e o desamor?

-Para escoller os libros, ou ben eu propoño unha lista de títulos ou os propios membros apostan por algunha obra. É preferible que sexan libros en galego, mellor que traducións, e temos abordado desde novela negra, biografías e obras sobre o nazismo ata Poetízate, de Fran Alonso, coa que desmontamos todos eses prexuízos que poden existir sobre a lírica. Non podo dicir se hai algúns xéneros que custa ler máis que outros, pero o certo é que ó comezo á xente si lle custa máis ler en galego.

-Fala vostede de que no club trasdezán hai dúas persoas xubiladas. ¿Cómpre unha literatura específica para a terceira idade, igual que hai unha para os adolescentes?

-O que precisa a xente maior é que se lea con ela, non unha literatura específica. Nos xeriátricos pódense facer actividades de fomento da lectura e non só outras propostas como baile. O que cómpre é un empuxón para que este sector da sociedade se anime a ler.

-Pasemos da terceira idade á xente nova. ¿Cre que desaparecerá o libro en papel, vista a proliferación dos e-books?

-Penso, e confío, que non vai desaparecer a lectura en papel, os nenos de aquí da comarca seguen lendo, na súa maioría, no formato tradicional. Iso sí, teñen a opción de que os libros que len pra o cole sempre poden descargalos.

-Unha das novidades do club Daniel Castelao, así como do club que montou no IES Pintor Colmeiro, é a organización de encontros cos autores dos libros. ¿Cómo toman estes as críticas?

-Pois moi ben, as críticas en negativo sempre poden axudar ós autores. Lembro que nos encontros con Antón Riveiro Coello ou con Anxos Sumai, algúns dos membros dixéronlles qué foi o que non lles gustara da súa obra ou que o final era un tanto previsible.

-¿Conserva algunha lembranza especial dos clubs de lectura que leva organizado?

-En todos estes clubs se montan lazos afectivos moi fortes, porque é unha forma de democratización da lectura. Pero quero mencionar o club do Carballiño, porque tivo un labor moi integrador, xa que viñera unha rapaza doutro colexio e acabou facendo unhas amizades tan intensas que incluso as mantén agora, sendo todos xa universitarios. O primeiro club de Silleda tamén foi moi emotivo.

-Este ano imparte clase no IES Laxeiro e xa tén dado pasos para montar o club de lectura. ¿Pode adiantarnos algún proxecto máis?

-Quero poñer en marcha un Club de Lectura da Igualdade, porque estamos vivindo unha involución social enorme. Nos clubs de lectura sempre incido naquelas obras que traballan polos dereitos humanos, polos valores sociais e pola libertade sexual. Conmigo os alumnos non van ler 50 sombras de Grey ou os libros de Federico Moccia, porque son machistas e hoxe está o machismo tan extendido entre os adolescentes que parece normal que a túa parella te maltrate. Preocúpame máis isto que que coñezan a Castelao.