A primeira mención que temos deste castro ou "protocastro" data do ano 1909, cando o arqueólogo Enrique Campo Sobrino e o grabador Enrique Mayer realizaron un percorrido por diversos concellos da provincia de Pontevedra chegando ata a parroquia de San Xoán de Vilanova, co fin de localizar restos de interese arqueolóxico e patrimonial (castros, mámoas, pontes, igrexas, cruceiros...). Cando chegaron á Comarca de Deza quedaron sorprendidos pola gran cantidade de castros que atopaban ao longo do percorrido e, no caso concreto da parroquia de Vilanova, deixaron constancia da existencia dun castro en Costoia, da forma seguinte: "...en casa de un particular, en el lugar de Custoya, donde hay un castro, hemos encontrado varios tejones y un molino de mano, todo ello hallado en el castro...". Tanto para o vecindario de Costoia, como para estes dous exploradores de comezos do século XX, en Coto Castrelo existía un castro.

Arredor do ano 1955 o profesor de Historia do Instituto Laboral de Lalín, José Martínez López, achegouse a Vilanova e puido comprobar como o vecindario falaba de dous castros: "Nesta parroquia temos dous castros moi distintos. Pódemolos chamar o Castro Grande ou castro de A Canda e o Castro Pequeno, que ten moita menos importancia e atópase ao lado de Costoia. Moita xente non lle da importancia a este castro porque non é como o outro".

Novas referencias

Desde esa data non houbo máis referencias escritas ata 1974-1975, que foi cando Manuel Dobarro e Antonio Presas, estudiantes de Xeografía e Historia na USC, sinalan a súa posible existencia pese á desfiguración que presentaba na croa por causa dunhas canteiras abertas anteriormente. Daquela non fora posible acceder ao xacemento por causa do denso mato que o cubría. A finais da década dos anos 50 abríronse dúas canteiras na parte alta do Coto do Castrelo para subministro de pedra para as obras do ferrocarril Ourense-Santiago. A pedra que se sacou destas canteiras empregouse basicamente para o firme da pista que se abriu entre o apeadeiro de Vilanova e a estrada Lalín-O Irixo. As canteiras destruiron a parte superior deste asentamento castrexo especial, porque houbo que remover "a monteira" (solo que está por encima das rochas) para descubrir os penedos soterrados do Coto.

Na década dos anos 80 a estudiante e investigadora Lidia Silva Baldonedo, nun traballo inédito e tendo en conta as informacións que lle facilitaron os veciños, considera que Coto do Castrelo é un castro no que se teñen atopado diferentes materiais arqueolóxicos de adscrición claramente castrexa. Esta mesma investigadora anos máis tarde (2000) cambiou de opinión e pasou a considerar o Coto do Castrelo como un lugar de dubidosa catalogación, tendo en conta os criterios da profesora Carmen Buxán, que publicara unha importante Guía dos Castros de Lalín.

As primeiras destruccións

Coto do Castrelo fora parcialmente destruído coa apertura das canteiras para subministrar pedra para as obras do vello ferrocarril Ourense-Santiago (década 1950), pero o seu final como asentamento da primeira fase da Cultura Castrexa estaba, paradoxicamente, anunciado unha vez que o Ministerio de Fomento sacou a exposición pública (1999) uns incomprensibles mapas con trazados alternativos para un Tren de Alta Velocidade (TAV) Madrid-Santiago. Daquela algúns representantes locais do mundo político, caso do BNG, presentaron alegacións por considerar que o TAV afectaba ao castro denominado Coto do Castrelo, pero as súas consideracións non foron tidas en conta, porque a sentencia de destrucción do xacemento arqueolóxico xa estaba asinada.

Os primeiros informes oficiais que se presentaron consideraban que este lugar non era un castro, porque non había evidencia de estructuras castrexas (murallas, foxos, terrapléns, etc). Era fácil negar a realidade e dicir que alí non había indicios de asentamento castrexo porque, desa forma, eliminábanse todos os impedimentos e o trazado da obra non chocaba con obstáculos que podían facer variar o trazado da liña. Non houbo un choque entre as dúas administracións, a do Estado e a Autonómica, porque no fondo todos querían que Galicia non se quedara por máis tempo rezagada nas infraestruturas que moitos consideraban básicas para a súa modernización.

A chegada do AVE

No ano 2006 a empresa adxudicataria deste tramo do TAV leva a cabo unha operación de desbroce no Coto do Castrelo, coa finalidade de realizar diversas catas ou sondaxes arqueolóxicas informativas en relación coa viabilidade do trazado de liña férrea de alta velocidade. Nin que dicir que os resultados desas sondaxes foron negativos, é dicir, alí non había restos castrexos e iso deu lugar a que se presentaran numerosos escritos de protesta ante a Consellería de Cultura, quen mandou realizar novas sondaxes valorativas. Os resultados das novas sondaxes tamén foron negativos e así foi como a arqueoloxía se puxo a favor dos que arrasaban con todo o que atopaban por diante.

Resultou curioso que algún arqueólogo tivera manifestado que no Coto do Castrelo non había material castrexo que demostrara a súa autenticidade: "Isto non se parece en nada a outros lugares nos que metes a piqueta e saen cerámicas e outros materiais cada vez que cavas no chan. Por exemplo, no Castro de Montealegre, ao lado da ponte de Rande, afectado polo corredor do Morrazo, golpeábase coa piqueta no chan e saía material arqueolóxico a montóns...".

Detrás dos arqueólogos invidentes viñeron as máquinas arrasadoras e cortaron o Coto do Castrelo abrindo unha trincheira enorme, con 30 metros de desnivel máximo, para o trazado de liña do TAV: Coto do Castrelo queda no noso recordo como o último xacemento de adscrición castrexa destruído nos tempos actuais por grandes máquinas escavadoras e baixo un arbitario e falso control da Administración.