Paisaxe lingüística é no nome do último estudo sobre a situación da lingua galega no Concello de Silleda elaborado por un grupo de oito alumnos de cuarto curso de Ensinanza Secundaria Obligatoria do instituto Pintor Colmeiro, da localidade. A análise conclúe que existe un "abandono da bandeira da normalización lingüística" por parte das administracións, e un galego "ameazado" pola lingua castelá. Pídelle tamén unha "reflexión" aos comerciantes e particulares "para que a presenza do galego non se vexa aínda máis excluída" nos seus anuncios.

As conclusións fóronlle trasladadas onte á alcaldesa, Paula Fernández Pena, e á presidenta da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda, Fátima Costoya, que se trasladaron ao centro para coñecer os detalles.

Para obteren esta radiografía da paisaxe lingüística trasdezá, os alumnos, coordinados polo mestre Cibrán Arxibai, do Equipo de Normalización Lingüística, sairon á rúa durante dous días do pasado febreiro para fotografar todo tipo de sinais e carteis pendurados na Avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela, Progreso e Rúa H. Emularon, así, un estudo feito polo catedrático Miguel López Campo na cidade de Pontevedra.

Das máis de 800 instantáneas capturadas, fixeron una depuración -algunhas estaban repetidas- e quedaron con 768. Delas, 143 pertencen a anuncios de administracións; 602 de comercios e particulares; e 23 son pintadas. Logo de comprobar, un por un, o idioma utilizado, concluiron que o 46,85% dos letreiros emitidos polas administracións están escritos en lingua galega; o 44,06% en castelán; e o 5,59% nos dous idiomas. "Esperabamos que estivesen máis próximas ao galego", recoñece Arxibai. Una das explicacións á reducida presenza do galego está no feito de que moitas das sinais analizadas pertencen a vaos permanentes, anunciados en castelán. "Trataremos de aumentar a normalización do galego neste eido, invitando aos donos das entradas de carruaxes a usar sinais en galego", dixo a rexedora ao respecto.

No que atinxe ao comercio, 120 carteis están en galego, máis do triplo -384- en castelán, e só 45 aparecen nas dúas linguas. Uns datos pouco esperanzadores. "Pensamos que compría que os comerciantes reflexionasen sobre este feito para que a presenza do galego non se vexa aínda máis excluída", di o informe.