CERDEDO

A Ponte de Santo Antonio de Cerdedo

Tense convertido en estación propiciatoria para ritualizar o bautismo anticipado ou prenatal e para escuruxar o "mal do aire"

03.03.2013 | 07:10
Unha imaxe da ponte de Santo Antonio, en Cerdedo. // J.J.Souto
Unha imaxe da ponte de Santo Antonio, en Cerdedo. // J.J.Souto

A ponte de Cerdedo, tamén coñecida pola ponte de Santo Antonio ou de Santo Antón, salva o río do Castro a uns 300 m da súa embocadura no Lérez. Un vieiro enlousado e costento, A Torrente, pon en comunicación o poboado coa chaira ribeirá. O camiño, flanqueado por valos de pedra, abandona as proximidades da praza da igrexa parroquial e encarreira o camiñante deica o adral da capela dedicada á honra do santo portugués (outros 300 metros de paseo).

En 1745, cando o Padre Sarmento, de camiño a Madrid, fai pouso nas Raposeiras, a ermida de Santo Antonio erguíase a uns 400 metros, río abaixo, da súa localización actual, na ourela esquerda do Lérez: "Desde Pedre, siguiendo Lérez arriba, a una legua está la feligresía de San Juan de Cerdedo. El río, sólo en este espacio, va llano por praderías. A media legua río arriba le entra a la derecha el río das Cervas, que pasé. A poco arriba, sobre el río grande, está la capilla de San Antonio. Después hace ángulo y confluencia el río Lérez, que baja de hacia el norte, con otros dos ríos, en uno ya, que viene de hacia Cerdedo. Después está el puente de Cerdedo de piedra buena, por el cual pasan unidos los dos ríos antes de unirse al río Lérez".

No século XIX, por causa dos estragos provocados polas periódicas enchentes, os veciños acordaron arredar a capela da madre do río, edificándoa de novo nesta encrucillada da Verea Vella. O viaxeiro que, avanzando pola beira esquerda do leito fluvial, acadaba a intersección, optaba por cruzar a ponte cara a Cerdedo, por ascender até a aldea de Lourido (costa do Salgueiral) ou por proseguir cara á Revolta, Cavenca, Meilide, Carballás..., conforme ten consignado Ferreira Priegue no seu traballo sobre camiños medievais (1988).

Nunha das súas ametidas, o río Lérez somerxeu a capela, asolagando o interior. Segundo contan, a talla do santo Antonio, aboiando na auga desbocada, coouse por un fachal do templo e, corrente abaixo, arribou nunha arnela da parroquia pontevedresa de Lérez. Os lerezáns, así souberon da procedencia da imaxe, así a devolveron sa e salva ao seu fornelo.

Ao pouco da refundación da capela, a veiga largacía do río do Castro, na redonda da ponte de Cerdedo, pasou a ser nomeada Santo Antonio. Do mesmo xeito, aínda que desprovistos de capela, os seidoiros do Lérez, tras a ponte Valoutas, se nomean San Xoán.

Téñenme preguntado pola conveniencia onomástica de Santo Antonio ou Santo Antón. Para o particular, inclínome por Santo Antonio, xa que, a menos que obteñamos datos sobre unha advocación anterior, des que hai lembranza, a imaxe venerada na ermida é a de santo Antonio de Lisboa, e Antonio foi o nome escolleito polo portugués cando ingresou na orde franciscana. De todos os xeitos, a ponte é de Santo Antonio, do lugar de, non do santo.

Santo Antonio de Lisboa ou de Padua (Lisboa, 1195-Padua, 1231) é santo casamenteiro, avegoso das causas e das cousas perdidas (cómpre saber o responso). Patrón de Portugal, festéxase o 13 de xuño. Pola súa banda, santo Antón abade (sécs. III-IV) é padroeiro dos cochos (o porco de santo Antón) e por extensión dos máis animais. A súa festa cae no dezasete de xaneiro. O pobo confundiu ou amalgamou ambos os dous personaxes e, así mesmo, as súas atribucións. O santo Antonio (de Padua) que se venera na Cruz do Seixo (24 de xullo) é avegoso da gandaría extensiva e, en especial, dos exemplares extraviados. Ao santo Antón abade tamén se lle roga polo gando desencarreirado. A sabenza popular tenta pór orde neste trampitán: "Santo Antón verdadeiro, o dezasete de xaneiro, que o santo Antón do verán éche Antón o mentirán".

Manuel Fortes ("Os costumes da festa de Santo Antonio de Caroi", "Diario de Pontevedra", 20-1-2013) informa que nesta parroquia cotobadense honran o santo lisboeta (imaxe conservada no templo) o dezasete de xaneiro, ceibando un globo de papel preñado de ar quente, irmán pequeno do aeróstato de Betanzos.

O feitío

A ponte de Santo Antonio non é romana, é dicir, a construción actual non se remonta ao principiar da era cristiá. Non obstante, é evidente que o camiño que a propiciou, a inveterada Verea Vella, atravesou o río do Castro valéndose doutros pasadeiros máis antigos (de pedra ou madeira), obra de suevos, romanos, celtas...

Na Galiza, o adxectivo "romana" engádeselles a moitas pontes. O pobo cualifícaas de romanas en atención á súa fábrica perdurábel, rexa arquitectura; soberbia cantaría que seguirá en pé cando a meirande parte das modernas estruturas esmorezan afectadas de aluminose. Ponte romana de Cerdedo, ponte romana de Pedre...; pontes románicas, feitas ao romano xeito, enxeño de ponteiros medievais.

Aínda que a ponte de Santo Antonio non sexa herdanza da romanidade, en nada desmerece o seu feitío. Polo que respecta á época de execución do camiño enlousado, non discuto a autoría de Roma, por máis que os nosos devanceiros celtas xa tivesen adoptado a postura bípeda (hai quen o pon en dúbida) e fosen quen de vertebrar o país cunha rede viaria que, após, reutilizaron e adaptaron os enxeñeiros do Imperio, e aqueles que os sucederon. Ás veces, lendo a historia que se nos expende, un tira a conclusión que os romanos trouxeron a este recullo do mundo a luz eléctrica.

Rodríguez Fraíz advertiu, xacando, nas beiradas da ponte, as inscricións "D-Go-SADoSO.-B.-P." e "H.-F.-II.-F.-A. MÇLI" que o levaron a datala no século XII. O ponteiro medieval Diego Saidoso revelábase como artífice da edificación. O propio Fraíz atopará no papelorio vello constancia de posteriores reconstrucións, como a acometida no século XVII polos canteiros Pedro Fortes Porto e Pedro de Covelo, aínda vixente.

A ponte de Cerdedo arregala dous ollos asimétricos. O arco central desenvolve unha bóveda de canón lixeiramente apuntada. O aliviadoiro ábrese baixo bóveda de canón. Entre o arco mor e o aliviadoiro, en ambos os dous sentidos da corrente, obran senllos tallamares. A ponte de Cerdedo presenta o característico "lombo de mula", preservando os péons e as recuas con dúas bandas de peitorís engastallados. No valo posterior da ponte, fincouse unha cruz. No pedestal da cruz leuse, en tempos, unha inscrición. No eixe dos brazos labrouse un trevo de catro follas.

Escoitei que, en tempos, baixo a ponte, existiron uns bañeiros de pedra, empregados en terapéuticas ablucións, pois é sabido que, naquela altura do río, as augas posúen calidades menciñeiras.

A ponte de Santo Antonio, provista do signo cristián, convértese en estación propiciatoria para ritualizar o bautismo anticipado ou prenatal (coñecido no lugar por "enxembramento"). Así o reflectín no meu "Almanaque de encantos" (2005): "A muller que non atinxía quedar en estado, a muller que arelaba un embarazo levadeiro, a muller que desexaba fillo san e aleuto procuraba por compaña un parente ou persoa de confianza e tras a medianoite e en segredo, achegábanse á ponte. Alí, ao pé do cruceiro que coroa o peitoril, adobiado co trevo das catro follas, agardaban polo parroquiano que primeiro atravesase o río. Este, se quixer, apadriñaría, participando no rito onde o ventre da ofrecida era unxido coa auga do prodixioso relanzo. Durante a cerimonia non debían atravesar a ponte can nin gato. Á crianza adoitábaselle pór o nome de Antón".

A cerimonia parasacramental finalizaba co sabido retrouso "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo". Quen o pronunciaba abstíñase de dicir "amén". A auga, bieita de seu, íase procurar baixo a ponte. Tras o bautismo, cumpría agasallar o "padriño" ou a "madriña" cuns petiscos. Os sobexos, tributo higromántico, debíanse guindar ao río.

Librarse do "mal do aire"

A ponte de Santo Antonio é, así mesmo, lugar acaído para esconxurar o chamado "mal do aire", doenza inclasificábel provocada pola influencia de sete bechos (a denominada "becha inmunda"): a cobra, o lagarto, a pinta, a rata, o sapo, a toupa e a araña. O médico fascista Lis Quibén, exemplo selleiro da galaica bipolaridade, consignouno no seu libro "La medicina popular en Galicia " (1949).

Antano, na encrucillada da Verea Vella só reinaba un cruceiro. Hogano, o lugar de Santo Antonio componse de ponte, capela e cruceiro. A capela, pequeneira, é un edificio do século XVIII de bo perpiaño, cuberta a dúas augas e espadana simple. Des o ano 1972, por mor da conversión do camiño de Limeres en estrada, a capela ficou asoballada polo muro de contención. Ao socairo do templo consérvase unha figura do santo Antonio co Neno no colo. No exterior, por riba da porta, unha peaña sostiña outra imaxe en pedra do franciscano. Por medo á rapina, a dita escultura loce agora nunha outa peaña da casa reitoral de Cerdedo, facendo parella cun arcanxo.

A ponte de Santo Antonio foi merecente das loas de Cunqueiro e do cálamo polifacético de Castelao: "A ponte vella xa non rexe cos amores e as traxedias que leva no lombo e calquera día ameñece afundida" ("Cousas", 1934).

Deportes Deza

El Atletismo A Estrada se luce este fin de semana

El Atletismo A Estrada se luce este fin de semana

El Atletismo A Estrada se lució este fin de semana gracias a la participación de sus deportistas...

Las bajas minan al Estradense

Las bajas minan al Estradense

Manuti, Jorge y Santi Hernández podrán perderse el estreno liguero ante el Ribeiro

Rafael Cuiña visita al C.D. Lalín antes de iniciar la temporada

Rafael Cuiña visita al C.D. Lalín antes de iniciar la temporada

| El alcalde lalinense Rafael Cuiña se acercó ayer al entrenamiento del C.D....

El Lalinense pasa a cuartos en la Copa

El Lalinense pasa a cuartos en la Copa

Vence al Luceros en un partido que se decidió en la prórroga - Arón anotó 14 goles

El CD Lalín homenajea a Ana Mouriño

El CD Lalín homenajea a Ana Mouriño

La trabajadora llevaba trece años a cargo de la lavandería del club

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 

Deza-Tabeirós-Montes

"Hay que mantenerse activos y saludables para prevenir"

-¿Les gustaría seguir extendiendo más centros de ayuda para personas con Alzhéimer y sus...

Arrancan los trabajos de construcción de la nueva guardería municipal de A Estrada

Arrancan los trabajos de construcción de la nueva guardería municipal de A Estrada

La estructura de madera se asentará de manera modular sobre la cimentación realizada con...

Isabel Gey: "El momento en que los usuarios están en el centro es un respiro para las familias"

Isabel Gey: "El momento en que los usuarios están en el centro es un respiro para las familias"

"La caminata de A Estrada es para dar visibilidad al problema del alzhéimer y que Agadea se conozca"

Una firma concurre a la licitación para el contrato del mantenimiento de los espacios verdes de Lalín

Una firma concurre a la licitación para el contrato del mantenimiento de los espacios verdes de Lalín

Concluyen los trabajos urgentes de limpieza y desbroce en los diferentes parques públicos de Lalín

Enlaces recomendados: Premios Cine