"Pinté y amé a mi pueblo", reza na tumba de Manuel Colmeiro Guimarás no cemiterio de San Fiz de Margaride, a súa parroquia natal. Ese foi o lugar elixido pola asociación sociocultural Adellís, de Silleda, para lembrar onte a figura dun dos veciños máis ilustres desta terra, que el reflexou de xeito maxistral nos seus cadros.

O acto, concebido como un recoñecemento ao legado de Colmeiro, celebrouse co gallo da conmemoración do décimo aniversario do pasamento do pintor, e nel participaron familiares, artistas e veciños en xeral da bisbarra, así como representantes do instituto que leva o seu nome. Non puido estar presente a filla do homenaxeado, Elena, a quen non lle foi posible adiar outras ocupacións da súa axenda persoal pola premura coa que foi avisada polos organizadores. Sí estiveron outros familiares de Colmeiro residentes na zona. Canda eles, membros do colectivo organizador e artistas da bisbarra, especialmente convidados a este evento.

A lembranza arrancou cunha pequena semblanza de Manuel Colmeiro, considerado por diferentes estudosos a auténtica vangarda histórica galega, comparable –a xuízo do seu compañeiro Maside– a Rosalía de Castro no eido da lírica. Tamén se leron escritos alusivos á importancia da súa figura e asinados polo propio Maside, Rafael Dieste, José Hierro ou Antonio Bonet. A directora do IES Pintor Colmeiro, que acudiu acompañada dun grupo de alumnos de Bacharelato, protagonizou unha das alocucións, con referencias á figura de Colmeiro e o que representa para o centro de ensino no que hoxe perdura o seu nome. Foi outra docente, a tamén pintora Marisa Miguélez, quen levou un poema da súa autoría dedicado ao seu mestre e veciño. Por último, tivo lugar unha ofrenda floral sobre o sartego onde, desde hai dez anos, descansan os restos mortais do xenio trasdezao.