O libro "A Feira do Cocido, 40 anos de historia", escrito polo lalinense Daniel González Alén, é o gañador do XV Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, segundo o veredicto do xurado reunido a última hora da mañá de onte no Auditorio Municipal de Lalín. Asimesmo, recibirán un accésit a serie de artigos xornalísticos "Platos con historia", realizado por Xosé A. Perozo; o programa "Larpeiros", da TVG, dirixido por Xosé Cermeño; e mailo proxecto xornalístico "Coas nosas mans", a cargo de Manuel Gago.

O xurado do premio estivo integrado polos xornalistas Carlos G. Reigosa, Martín Fernández Vizoso, Lois Blanco Pena, Luis Pérez Fernández e Javier Sánchez de Dios. Á edición deste ano concurriron 28 traballos de prensa escrita, radio e televisión, libros. páxinas web ou fotografías relacionadas coa gastronomía galega e, en especial, co cocido.

O traballo gañador, que recibirá un premio en metálico de 5.000 euros, foi editado por Alvarellos Comunicación o ano pasado co gallo do cadraxésimo aniversario da feira. Os membros do tribunal valoraron a calidade e rigor do traballo de recopilación feito polo autor lalinense, que agradece as moitas colaboracións recibidas e, explicitamente, a do concelleiro Román Rodríguez -director da edición- ou a de seu irmán Xesús. "Foinos moi difícil atopar documentación dos primeiros anos, coma o primeiro cartel", lembra con satisfacción Daniel González Alén, que recibiu a noticia de boca do propio alcalde, José Crespo.

O xurado tamén acordou conceder sendos accésit de 1.000 euros a Xosé A. Perozo Ruiz, pola serie de 23 artigos publicados no xornal El País baixo a denominación "Platos con historia"; ao programa titulado "Quen ten un porquiño, ten un lacón e ten touciño", do espazo "Larpeiros", que dirixe Xosé Cermeño na Televisión de Galicia, emitido o 24 de setembro de 2008; e a Manuel Gago Mariño, pola iniciativa xornalística "Coas nosas mans" (www.coasnosasmans.com).

De igual modo, os membros do xurado fixeron unha mención especial ao libro "Everything but the squeal" ("Todo menos o berro"), do inglés afincado en Galicia John Barlow, que non se presentou ao concurso, pola súa contribución á internacionalización da gastronomía galega ao redor do porco.