Coñecerámonos fai uns corenta anos na antigua cafetería Lar, fronte ás ruinas de Santo Domingo da súa querida Pontevedra, a cidade que marcou unha identidade no seu traballo, ó xeito dunha Comala ou dun Macondo transfronteirizos. Entón deixaba o malditismo rebelde dos seus electric man, xestuais, pollockianos, irreverentes e nerviosos, para mudar á tenrura dun expresionismo non menos axitado que comezaba a dialogar coa recuperación internacional da pintura-pintura, na atmosfera dunha postmodernidade que se recreaba nunha tradición transcendente que, en Galicia, tivo a súa mellor expresión no atlantismo estético e en Atlántica. El foi un dos grandes protagonistas daquela inesquecible xeración que, a comezos dos 80, ubicou a arte galega no mundo, tentando redefinir a dimensión do genius loci. A súa reinvención figurativa alusiva á memoria e á lembranza que situaba en determinados pasados, rexenera unha emulsión poética da pintura que bebe na cita histórica, tantas veces nun cartafol alquímico que nos fala dunha Galicia mítica, tinxida dunha relixiosidade laica e dun bucolismo erótico cunha carga de sabedoría etnográfica. Na distancia a Presenza de Alfonso X, Pontevedra durme, Columna, cabalo e carballo ou o poderoso Abó Gran Dida no sillón, entre tantos exemplos que me veñen á cabeza, son pegadas inesquecibles dun arranque elaborado na eclosión épica dunha narrativa, construída coas vísceras do pintor que deconstrúe o realismo para fornecer o berro presencial do tecido lingüístico.

A recente mostra que lle adicou o Museo de Pontevedra pon de manifesto o sentimento clásico de Moldes na renovación da pintura deste país tanto como a súa permanencia no tempo. So así poderemos entender o senso da palabra clásico e el xa o é na pintura das catro últimas décadas en Galicia e en España. Un clásico contemporáneo que foi capaz de mudar continuamente o devandito tecido da linguaxe e que, ó meu entender, tivo a súa grandeza na proclama senlleira daquel pavillón galego na expo sevillana do 92, cando, emulando a famosa escultura de Alberto, nos ofreceu Orixe e desenvolvemento da gran espiral no camiño que leva a unha estrela, un verdadeiro tratado conceptual que integra os elementos míticos baixándoos ao nivel dunha realidade simbólica. Ou tal vez ó exercicio da lembranza que o elevaría a un ceo fabulado como soño, en forma de estrela: o mesmo que foi tecendo co paso dos anos, o que eu intuín nas derradeiras obras que me deixou para a mostra milanesa A viaxe imaxinaria de Soifonisba Anguissola (2016), asociando a pintura á vida nos seus novos Didas, nos corpos de Venus ou no espacio fragmentado das súas máscaras, identidades e símbolos.

Revisitar a lembranza/memoria significa en Moldes reforzar a identidade e a imposibilidade de fuxir dos imperativos estéticos propios, condicionados non só por unha exquisita sensibilidade proteica e rebelde, senón pensar que a pintura é ou pode ser un adentrarse no fondo da personalidade humana e, en definitiva, na vida.

Militou como pintor e sentíu e vivíu como tal, ao xeito dos grandes artistas, eses que nunca morren na memoria dos outros, porque a súa obra permanecerá, entre nós, como unha pegada que superará á finitude do tempo físico. Pero non podería rematar esta lembranza estética do gran pintor sen pensar na gran musa e muller que tivo ó seu lado, May. Ela foi sempre o silente espíritu imprescindible que animou, entre os bastidores da vida, esa xigantesca espiral no camino que leva a una estrela. Descansa en paz, amigo meu.