Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Alfonso Vilar e a Madama de Silgar

Como todos os anos as Xornadas de Sanxenxo na Historia son moi interesantes e concurridas. Neste ano 2017 celébrouse a oitava edición onde se trataron diversos temas: Patrimonio Histórico e Artístico; Veraneantes Ilustres de Sanxenxo; e O Sanxenxo Literario. Meu aplauso para os organizadores do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo que dirixe Ana Cancela Muras e o Foro Galicia Milenio que preside Marcelino Agís Villaverde.

Neste artigo falarei de Alfonso Vilar Lamelas (1927-2011) que todos coñecemos porque é o escultor que fixo a Madama de Silgar entre outras moitas obras. Para elo basareime no primeiro traballo monográfico escrito por Rafael Fontoira Surís "Alfonso Vilar Lamelas, Escultor" (2016), sobre este gran escultor galego e sanxenxino do século XX. A idea deste libro xurdíu a raíz das Xornadas de Sanxenxo na Historia celebradas no 2011, coas cales colabora Rafael Fontoira ano tras ano. Fontoira traballou como arquitecto de Patrimonio Histórico Artístico moitos anos, e foi aquí onde Pío Cabanillas, o Ministro de Cultura hai máis de 35 anos, lle propón dirixir A Escola de Canteiros de Pontevedra que ían por en marcha. Fontoira proporía como un dos profesores a Alfonso Vilar. Como curiosidade, a razón de abrir a escola foi que Pío Cabanillas quería restaurar o seu pazo en Meis, pero tiña un problema, non atopaba canteiros por ningún lado.

Vilar foi bolseiro de Arte en Madrid da Deputación Provincial de Pontevedra pero o cabo dun ano marchou e foise a Santiago de Compostela a traballar co escultor Asorey, o cal sería unha gran influenza para él, así como tamén Enrique Pérez Comendador (ej. Cid a Cabalo en Burgos) e José Capuz (ej. El ídolo en Valencia). Conta Fontoira no libro que un día Asorey enfadouse porque a Vilar "ocorreuselle baleirar en escaiola unha peza que previamente tiña modelada en barro" e díxolle a Vilar "que era mellor que volvese a Vilalonga a vender patacas". Asorey ensinou a Vilar pouco máis dun ano, pero a súa ensinanza estaría sempre patente na obra de Vilar.

Ademáis da escultura, Vilar tamén fixo algo de pintura, debuxo, arquitectura, e como non, ensinou a moitos canteiros dos cales varios son recoñecidos a nivel internacional. Aínda me acordo cando ía ó Instituto de Vilalonga a principios dos 90s e pasaba catro veces o día por diante da casa de Vilar e tamén de cando se puxo a Madama en Silgar (1993). Daquela escoitabanse comentarios de todolos tipos (ós que lle gustaba e ós que non), pero hoxe en día, convertíuse no símbolo de Sanxenxo e como dí Fontoira no seu libro "unha mestura entre unha ondina clásica, ofrecéndonos nas súas mans toda a riqueza do mar, e unha deusa galaica e castrexa".

Outras obras importantes de Vilar que seguro moitos coñecedes: Monumento ó pescador (O Berbés, Vigo); Monumento á Muller do Emigrante (Pontevedra); Cormorán - Con D´Arbón (A Lanzada); Monumento ó Mariscador (Cambados); Monumento ó Aviador Piñeiro (Sanxenxo); Monumento á Familia Mariscadora (O Grove); Monumento á Pescantina (Portonovo); Escudo da Adega de Albariño de Barrantes (de 40 metros cadrados); O Infortunio (mención de honor no Salón de Otoño de Madrid. Está no taller de Vilar); Monumento ó Soldado (Pontevedra). Fontoira foi testemuña de que sí, un dos personaxes no Monumento ó Soldado é un retrato do alcalde de Pontevedra daquela que era D. José Rivas Fontán "feito por unha fotografía que Alfonso posuía".

Vilar levou diversos premios ó longo da súa vida e para moitos é un dos grandes escultores galegos do século XX. Sen embargo, para os que o coñeceron de verdade coma Rafael Fontoira, Vilar "era louro, pequenote, simpático. Amigo dos amigos..." "Gustaballe moito o viño albariño..." "De mentalidade totalmente bohemia, pero moi amante da súa familia. Non sabía o que era o diñeiro nin o seu valor". Sendo tan recoñecido e veciño de Sanxenxo, e como propón Fontoira neste libro: por qué non facer un museo no seu estudo?

Compartir el artículo

stats