Indica González Alegre, que Carmen escribía poemas en galego aos dezanove anos. Tales textos foron editados en 1956 na colección Alba de Vigo co título de "Cantigas do Vento". A partir desta publicación o uso literario, e naturalmente oral, do galego foise facendo máis e máis frecuente en Kruckenberg, até chegar a ser absolutamente preponderante. Nisto, ela, como outros poetas da que chamamos Promoción de Enlace da importancia de Cuña Novás ou Luz Pozo Garza, practica no seu discurso unha viaxe ao monolingüismo galego, o cal alegrou moito aos seus amigos nacionalistas.

No remol da memoria eu sempre sitúo María Carmen Kruckenberg nos cafés literarios e nos ambientes máis cálidos e selectos de Vigo, do Derby ao Suevia pasando pola Marisquería e o Barlovento. Ela é unha bela muller de ollada directa e xestos sobrios de trinta e tantos anos de idade. Mais, de repente, tamén podo vela a ela entrar na Coupole de París ou sentarse a cear coas súas amizades lisboetas nunha casa de fados de Alta. Ela móvese moito. Nembargantes, no para de estar en Vigo, como chantada. Certo, podemos coincidir con Kruckenberg no Gijón de Madrid, precisamente nas mesas da esquina do fondo onde toma parte na tertulia diaria de Buero Vallejo. Pero tamén, e non hai demasiados anos, á Kruckenberg apetecíalle facelo e montaba unha "Homenaxe a Vigo" que consistiu nun recital de masas no que a cidade recibia os cantos dos seus poetas, con Martín Codax á fronte.

Hai tempo que eu sosteño que A sombra ergueita é o libro máis valente, mesmo ousado, rotundo e vivo da autora. Pertence esta obra, inscrita na longa tradición do lirismo radical que frecuentan algúns grandes da nosa literatura, de Meendiño a María Mariño. A sombra ergueita, que denota unha formación xeracional de esquerda existencialista, é o primeiro grande libro de Kruckenberg, ao que seguirán outros. Lembro agora que Álvaro Cunqueiro, quen alén de poeta foi un detectador de poetas de fino olfacto, soubo ver, nun artigo do FARO que se perdeu na corda frouxa do horizonte, tal vez tralos catro horizontes de Louis Aragon, na de Kruckenberg unha voz púdica na cal a efusividade é eliptica e o sentimento, por veces, atroz. Foisenos a amiga de tantos anos. Morreu María del Carmen Kruckenberg Sanjurjo e con ela estanse indo farrapos do noso pasado, anacos do noso corazón máis urbano e marítimo.