Vilariño destacou istos datos "con humildade, pero vamos na dirección correcta". De novo, resaltou que "o que temos como un dos emblemas do noso concello para atraer e por en valor como é o Pazo de Liñares" está funcionando, logo de "un rendemento bastante cuestionable", recoñeceu. Por iso, explica que "os esforzos dirixidos foron para destacar as distintas iniciativas, tanto como puido ser en temas de inversións como dotalo de un estacionamento, que consideramos algo básico".

Tamén considera fundamental dotar de contidos o inmoble, ademais do museo do títere, "para que amosase interese e provocase movemento", di o edil. Recorda así, os concertos celebrados, as exposicións acollidas como a recente da camelia, entre outros eventos nos que o Pazo de Liñares foi o escenario. Entende que "todo este tipo de cuestións son fundamentais para activalo".

Para este ano o concelleiro asegura que se está traballando para volver inverter de novo na construción, porén, non quixo dar a coñecer en que proxectos se está traballando dende o Concello de Lalín para mellorar, se pode ser, o Pazo de Liñares.