A chef novelista do Miñor

A nigranesa Raquel Fernández dirixe o seu restaurante en Baiona e publica en Galaxia o seu primeiro libro, “Contas de buxo”

Raquel Fernández amosa un exemplar da súa novela na súa cociña.

Raquel Fernández amosa un exemplar da súa novela na súa cociña. / Alba Villar

Practicamente coma coser e cantar. Para Raquel Fernández Fernández cociñar e escribir, e facer ben calquera das dúas cousas, non ten moita complicación. “Son procesos creativos que relaciono moito, tamén me gusta debuxar, calcetar...”, explica desde a cociña do restaurante A Taberna do Azafrán de Baiona, que dirixe desde hai cinco anos con éxito. Cinco anos hai tamén que rematou a novela que lle acaba de publicar a Editorial Galaxia, “Contas de buxo” . Unha historia dirixida ao público xuvenil que transcorre entre o Val Miñor e A Mariña Lucense. A presentación oficial será o vindeiro xoves, día 4 de abril, ás 20.00 horas, no local do Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar.

As localizacións elixiunas por proximidade. Non se pode ser máis da comarca ca ela. “Son miñorá de pleno. Nacín en Nigrán, casei e vivo en Gondomar e teño negocio en Baiona”, enumera cun sorriso. Así que a protagonista, Lara, unha adolescente que saca boas notas e nunca dá problemas, escapa da súa casa en Gondomar e a viaxe remata en Ribadeo, onde pasou o último verán coa nai antes de que a abandonase. Unha vila de Lugo coa que a autora ten un vínculo especial. “Coñezo a Mariña e tenme namorada”, asegura.

Escribiu a historia para recuperar a comunicación coa súa filla adolescente e conseguiuno

A de Lara foi unha aventura totalmente ficticia que naceu no maxín de Raquel para recuperar a conexión con outra mociña, Marta, a súa filla. “Cando entrou na adolescencia meteuse no cuarto e non me facía caso. Eu botábaa de menos e retomei aquilo de escribirlle, cando era pequena xa lle facía contos, para reenganchala. E conseguino. Cada vez que remataba un capítulo dáballo a ler e xa me pedía máis. Foi unha novela para recuperar a miña filla que agora ten 20 anos e estuda en Dinamarca, e tenme máis en conta desde Copenhague que cando estaba na casa”, relata divertida.

Esta é a primeira novela de Raquel, pero leva escribindo case toda a vida. “Sempre me gustou moito ler. Era unha friqui da lectura, mentres outros rapaces andaban por aí, eu estaba na biblioteca e facía unhas redaccións moi elaboradas no colexio”, lembra. Tivo que deixalo porque empezou a traballar moi nova pero retomouno cando tivo fillos, cos contos que tamén ilustraba.

Máis dunha quincena de premios

Tomou un pouco “máis en serio” a escritura hai uns anos. Fundamentalmente escribía poemas e relatos curtos e gañou unha quincena de premios literarios por toda Galicia. Entre eles, o 1º Premio das Mulleres Progresistas de Vigo (2017 e 2019), o Certame Literario do Concello de Ames (2020, en Poesía e en Narrativa) e o 1º Premio de relatos a prol da igualdade do Concello de Melide (2021).

"Cociñar e escribir son procesos creativos que relaciono moito", di a autora

Pese a tantos recoñecementos, Raquel nunca pensara presentarlle nada a ninguna editorial, nin por suposto debutar “pola porta grande” nunha de tanto prestixio. Foi nun obradoiro da Escola de Escritores de Galaxia onde atopou o pulo para atreverse. O tamén escritor e xornalista Diego Giráldez impartía a actividade e foi el quen a animou. “Eu escribía para entreterme e entreter os meus fillos, non buscaba abrirme paso no mundo editorial pero el insistiu en que se me daba ben”, subliña agradecida.

Agora está decidida a continuar. Ten outro adolescente na casa, o seu fillo, Iago, de 14 anos, “que tamén pide a súa novela, claro”. De momento non lle fai falla recuperalo porque el aínda lle “dá creto”, pero si que a motiva “que lle guste” o que fai.

Literatura no inverno, hostelería no verán

Será doado, no seu caso, compaxinar a escritura coa cociña. Pero só en tempada baixa. Do 20 de xuño ao 10 de setembro, abre o restaurante todos os días sen descanso para ofrecer os eus pratos de cociña tradicional galega “cun toque de creatividade”. O resto do ano só traballa venres, sábados e domingos. Así é a hostelería nunha vila turística coma Baiona, pero “merece a pena o sacrificio do verán e dispor de tempo no inverno”, deixa claro.

Suscríbete para seguir leyendo