ruxe ruxe | Banda de rock que presenta novo disco e banda deseñada

Ruxe Ruxe: “Despois de 27 anos a formación actual é un regalo, estamos como recén namorados”

A banda presenta disco novo, “Unha noite no interior dunha faísca”, este sábado na Capitol | Nel, dedican unha canción a un artigo de Moncho Pena, colaborador de FARO

“Despois de 27 anos a formación actual é un regalo, estamos como recén namorados”

“Despois de 27 anos a formación actual é un regalo, estamos como recén namorados”

Ruxe Ruxe presenta novo disco esta fin de semana, “Unha noite no interior dunha faísca”. Será mañá sábado na Capitol en Compostela a partir das nove da noite. Como convidado, Brian Brody; e unha novidade: a descuberta da banda deseñada “A invasión dos Guirizombies”, de Vituco Neira, voceiro do grupo que se entrega a esta conversa co FARO. Nela aclara unha cousa: non son monárquicos inda que canten “Viva el Rei”.

–“Unha noite no interior dunha faísca” sona a algo volátil, efémero pero tamén convida a soñar.

–Nós intentabamos atopar unha frase que resumira a realidade do grupo nestes últimos catro ou cinco anos nun momento persoal e creativo moi chulo no que todo parece unha noite de vodas. Era unha forma bonita de resumilo.

–Levades máis de 25 anos. Parece moito para unha banda xa que sempre é difícil lidiar cos egos.

–Dicía un antigo membro da banda que estar nun grupo de música era o máis parecido a ter unha parella, só que neste caso é con cinco ou catro persoas, o que multiplica o problema por mil. O produtor Abreu dicía que a existencia dun grupo era unha milagre. Despois de 27 anos isto é un regalo, a formación na que estamos agora. Todo é unha festa. Estamos alucinando, como recén namorados.

–Na canción de apertura, “Zombies e licores”, falades de escapar de noite, situando o local como un lugar a salvo.

–Ruxe Ruxe está moi vinculado á zona vella de Compostela e a esa xuntanza ao redor de barras de bares e pubs. Son lugares de encontro e recreo no que falas con moita xente e aprendes moitas cousas. É un sitio de recreo e o tema fala diso, de buscar un acomodo mental e vital. Non é facer unha oda ao alcol nin ás tabernas pero a noite e eses locais con música altísima é un hábitat onde sentirnos felices.

–Que historia hai detrás de “Chernóbil”, con sons grunges.

–É unha canción de amor. Cando ves ou sentes cerca á persoa que che gusta estás en estado Chernóbil, desfeito por dentro pero no bo sentido. En canto ao grunge, si que lembra un pouco a el. O outro día dicía o noso guitarrista: ‘É como se Pearl Jam fora de Aríns (Santiago)’. Sons ritmos moi contundentes e básicos con guitarras moi afiadas.

–Pero tamén parades no ska.

–Esa canción, si, ten que ver co ska vello, que se facía había 60 anos e non co ska de hoxe. Quedou preciosa. Hai que falar do traballo de Xurxo Piñeiro quen é parte fundamental do son do disco e do xiro de Ruxe Ruxe que nos parece fantástico. Tamén hai que resaltar a chegada de Xulia que levaba cinco anos connosco pero demos un paso adiante para aproveitar a súa maneira especial de cantar.

–Ter esa variedade vocal no disco, ata tres persoas cantando...

–Si, bueno, somos incluído eu catro cantando ademais dos coros. É froito dun proxecto cunha simbiose total.

–Chamoume a atención “Aliens en Samil” sendo de Compos.

–Vimos un día no FARO DE VIGO un artigo de Moncho Pena co mesmo título e que falaba da chegada duns bichiños en Samil e que eran parecidos aos aliens das películas. Foi unha inspiración total.

–Traballas na Radio Galega. A CRTVG está tendo varias xornadas de folgas, están os Venres Negros. Dá mágoa o que está sucedendo.

–Vívoo con preocupación absoluta. Non comprendo o que pasa, non hai explicación oficial. Estou na situación de agardar que o expliquen , que se solucione e que a radio e a televisión públicas galegas sexan transparentes así como uns medios nas mans do pobo, lonxe dse ningunha inxerencia. Co paso dos meses, espero que alguén tome unha decisión, que solucione os problemas.