Este, seu, modesto cronista ten unha cuñada -naceu e habita para alén dos confíns do planeta galaico, máis aló do ombro de Orión e da porta da Canda/Tannhäuser; non se intranquilicen Vdes. e continúen, por favor, coa lectura das presentes liñas- que, cada vez que acode onde nós e/ou alude a algún apartado referido ao lugar no que moramos, acaba por sentenciar, si ou tamén: "desde luego, en Vigo hay una gente muy rara."

Pola parte que me toca, debo consigar, aquí e agora, que algo de razón si que leva a tal. Sen ir máis lonxe, velaí o meu propio caso: con descendentes nados e instruídos nestes escintilantes eidos, paciente seareiro do Celtiña -pero ao tempo doutra entidade cuxo nome imos cubrir cun púdico cendal-, hai xa corenta invernos que viñen dar á "Tropical Galicia", procedente do afastado, calixinoso e moi incógnito norte. Parafraseando, daquela, a Mr. Gordon M.T. Sumner (Sting, para o común dos mortais), "you can hear it in my accent when I talk (....) I'm a alien. I'm a legal alien/ I'm an Gharelo/Cascarilleiroman in Vigo" (que non en Nova York!).

Alguén retrucará, acaso e con moita lóxica, que: "e a quen non lle toca lidiar cunha cuñada/o semellante?" En efecto, a vida é así, meus/miñas. En todo caso, vén a conto todo o anterior porque coido ben que han de estar todos Vdes, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, ao cabo da senlleira noticia que o pasado xoves, 14 de febreiro - "Hoy es el día de los enamorados (...) San Valentín, yo no te olvido"- viña campar na portada deste moi venerable rotativo, sempre na vangarda informativa: "Hallan en Samil la criatura marina que inspiró " 'Alien (el octavo pasajero)'".

Segundo significaron, xa que logo, científicos do CSIC, acontece que, aboiando entre as augas que bañan o noso máis emblemático areal, eis que xurdiron dez exemplares- 10!!- dun parásito denominado "Phronima", habitante das profundidades e -terror dos terrores!- que se reproduce no corpo doutros seres. De acordo co Dr. Álvaro Roura Labiaga, estamos, polo tanto, en presenza dun moi inquietante crustáceo -por máis que, de novo acouguen todos e todas, inofensivo e incomestible- que foi inspirar esoutra criatura diabólica, xenomorfo viscoso e mortal que, un tras outro, vai eliminando moi polas bravas a todos os tripulantes da nave "U.S.C.S.S. Nostromo". Vivir para ver.

"Unha boa mañá a Policía Local detén a catro atracadores en Coia que, antes de seren interceptados, arrebolaron ao aire centos de billetes procedentes do botín". "Outro bo día (unha tarde de sábado, para sermos certos) pasa que alguén percorre en coche, marcha atrás, desde a rúa Coruña deica Balaídos en menos de tres minutos." "En fin, noutra, recente, xornada a Policía Nacional ten que deter a un individuo que levaba raiados máis de 1000 automóbiles (e só no Calvario e na Doblada!)" "Está moi claro -todos os parágrafos anteriores dimanan desde a (leal, of course) oposición municipal- que tanta fachenda, tanto dispendio e tanto tentar ao Cosmos tiña que ter unha xusta correspondencia e castigo! Finalmente, o fulgor deses miles e miles de luces, irresponsablemente dirixidas cara ao infinito, foi captado desde unha das lúas (máis concretamente, a lúa Acheron, precisou un autorizado portavoz da Marea) que orbitan arredor dun escuro, xigantesco e inexplorado planeta gasoso. Procedentes do espazo exterior, "Os Outros" xa están aquí!" "Que Santiago Apóstolo e mais Santa Xunta de Galicia benditos nos axuden en semellante hora", concluíron, á súa vez, desde a sede do Partido Popular.

"Nada que temer, nada de que preocuparse, todo está controladísimo!": tal veu ser, sen embargo, a reacción, a mensaxe recollida así nos despachos e corredores da Deputación Provincial como aínda, e sobre todo, nos últimos andares do, sempre maxestoso, edificio do Concello olívico. O "alien", en efecto, foi papando, un tras outro, aos tripulantes do "Nostromo". A todos -repasemos o célebre e inesquecible film de Mr. Ridley Scott- menos á suboficial e piloto Ellen Ripley. Pois ben; poida que non resulte tan sexy como resultaba devir Sigourney Weaver -en roupa interior e co gato á canda dela- antes de despresurizar a lanzadeira e arrebolar o monstruso monstro para as inmensidades; porén, que vigués/viguesa que se precie de tal pode dubidar, sequera un momento, dos inefables superpoderes do noso "caballero superheroe"? "Que saiban os alcaldes de Kaitain, de Arrakis, de Endor, do sistema completo Zeta II Raticuli que somos o top do Universo universal! Aliens en Vigo, di Vde? Very wellcome everybody here!"