A presente edición do Festival de Málaga pasará á historia como unha das que contou con maior presenza galega. E entre esa nutrida armada do audiovisual patrio estará “Rompente” , a nova curtametraxe de Eloy Domínguez Serén, na que mostra a relación e a loita pola vida dunha moi nova parella e o seu bebé nunha vila mariñeira.

Rodaxe do filme. | // ZEITUN

“É a miña primeira experiencia en ficción e pensamos que o Festival de Málaga é o lugar ideal para estrear esta curtametraxe. Estamos contentos porque poderá ir parte do equipo incluído o produtor, Felipe Lage [produtor de “Mimosas” de Óliver Laxe ou “Costa da Morte” de Lois Patiño] así como a parella protagonista, Sergio e Soraya. Estou contento por eles porque é a primeira experiencia que teñen no audiovisual e están fantásticos. Están moi ilusionados”, explica o cineasta galego.

Despois de longametraxes documentais de éxito como “No cow on the ice” ou “Hamada” –este último con 12 galardóns internacionais de colleita– ou da última curta documental, “Os corpos” sobre o Entroido ourensán, e que tamén está recolectando numerosos galardóns, Domínguez Serén vira á ficción e preguntamos a que se debe: “A raíz de ‘Hamada’, o produtor Felipe Lage propúxome traballar xuntos e falando de posibles historias atopamos cuestións biográficas que nos interesaban e que estaban relacionadas cos meus propios pais”.

A súa historia seméllase á que se conta en “Rompente” onde se valeu do traballo documental para preparala. “Por unha parte, indica o realizador, quería coñecer con precisión o entorno social dos personaxes. O protagonista masculino é bateeiro durante o día e pola noite percebeiro furtivo. Por iso pasei a falar moito tempo con perecebeiros e percebeiras do Barbanza e da Costa da Morte”, lembra.

Por outra parte, dedicouse a procurar ao actor e actriz protagonista: “Foi un traballo de seis meses a percorrer todos os portos que eu coñecía dende a Illa de Arousa ata Malpica falando con mariñeiros; e a procurar nos institutos do Barbanza e Costa da Morte á rapaza que daría vida a Lucía”.

Para conseguilo, presentou “Hamada” nos institutos para tratar o conflito saharaui nas clases de Historia e explicar como traballou con aqueles actores. “Así, apareceu Soraya. Ela é de Portosín, mentres que o rapaz protagonista é Sergio, de Rianxo e mariñeiro nas bateas”, engade.

O director reflexiona que “decátome de que nos pobos pequenos da costa hai moitas máis parellas novas con fillos que nas zonas urbanas. Eu teño 36 anos e pasoulle a meus pais. Tanto no Barbanza como na Costa da Morte coñecín moitas parellas novas con fillos. Quería saber como se desenvolvían agora que a sociedade evolucionou na igualdade e na implicación dos coidados do bebé de ambos os dous membros”.

Para el, “non é tan distinto a como se organizaron meus pais hai 36 anos debido á cuestión económica. Moitas parellas inda que non teñan pensamento tradicional acaban repetindo o patrón tradicional de que el asume o rol de proveedor e ela de coidadora. Parecíame interesante tratar iso na curta, por que fan o que fan e que outra opción teñen. No caso do actor, vese sobrepasado pola situación e o mar convértese nunha vía de escape da claustrofobia que empeza a vivir na casa”.