Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salvar a Historia

Na defensa dun ben común

O pasado 25 de abril o xornal italiano La Repubblica apoiou o manifesto A historia é un ben común, salvémola!, no que o historiador Andrea Giardina, a senadora vitalicia Liliana Segre e o escritor Andrea Camilleri, defendían a importancia do estudo da Historia.

Ora ben, por que un xornal próximo a posicións de esquerdas deu soporte a un manifesto desas características, precisamente un día como o 25 de abril? Unha primeira razón, o motivo inmediato, foi tomar partido fronte a unha medida dun goberno de dereitas que eliminaba os contidos da materia de Historia das probas de madurez, unha especie de reválida de Bacharelato. Non obstante, iso non explica -ou só o fai parcialmente-, o día escollido para a súa difusión, o 25 de abril, o día en que Italia conmemora a liberación do nazifascismo mussoliniano, o triunfo da guerra de liberación liderada polos partisanos, que dende o 8 de setembro de 1943 loitaron para facerse co control das rúas das principais cidades do norte de Italia, dende Florencia até Turín e Milán, liberadas o 25 de abril de 1945; o día en que o neofascista Salvini, ministro de Interior no goberno italiano que degradou a materia de Historia no ensino, se ausentou dos actos públicos de celebración dunha data tan importante na historia de Italia! Tampouco explica, esa motivación inmediata, os apoios que obtivo o Manifesto, que van dende Eva Cantarella até Luciano Canfora, pasando por Simona Colarizi e numerosos persoeiros procedentes do mundo da cultura, do sindicalismo e da política, pero tamén de ensinantes de secundaria -non só de Historia- e de milleiros de persoas anónimas! Non é casual, tampouco, que este Manifesto, redactado por xentes próximas a posicións de esquerdas e vinculadas a movementos memorialísticos, apareza nun momento en que os grupos neofascistas atentan contra os símbolos da Resistencia!

A Historia non é un feixe de acontecementos (o axustizamento do mariscal Pardo de Cela, o inicio da sublevación fascista do 18 de xullo de 1936...), inconexos que tan só serven para incorporar á bagaxe intelectual de cada quen. A Historia non é un conxunto de feitos pasados que cada quen pode interpretar libremente, como dicía recentemente a líder de Vox Rocío Monasterio: a Historia, como sinala o Manifesto, é un ben común que pertence á colectividade, son feitos compartidos por unha comunidade, pola cidadanía!

Coñecer o pasado é a base para comprender o presente e construír o futuro! Velaí a importancia da Historia. Así, máis alá dos feitos concretos (a romanización do pobo galaico, o Rexurdimento...), da Historia podemos tirar algunhas leccións fundamentais que ensinar aos neofascistas de hoxe: a humanidade é unha comunidade de iguais africana de orixe; a diversidade biolóxica humana é a garantía da nosa existencia como especie, polo que é a condición da nosa igualdade; o desenvolvemento humano, en momentos decisivos para a nosa supervivencia, só foi posible grazas a comportamentos altruístas e solidarios; a capacidade creativa de Homo sapiens provocou o xurdimento de mundos imaxinarios e paralelos, inzados de espíritos e seres inmateriais; a violencia non está bioloxicamente determinada na nosa especie, as primeiras manifestacións violentas na historia obsérvanse en momentos relacionados co control dos recursos nun momento de crise ecolóxica postpaleolítica (ao longo de máis de 200 mil anos de historia do Homo sapiens non se observan signos de violencia no rexistro arqueolóxico...); as desigualdades sociais xorden en relación coa produción de alimentos e a acumulación de excedentes agrícolas e gandeiros; as xerarquías sociais xorden asociadas a conflitos relacionados co control da produción e dos recursos en relación coas desigualdades sociais; os estados xorden como unha ferramenta ao servizo das elites, que atopan nos relatos mitolóxicos das relixións a lexitimación necesaria para perpetuarse no poder; a democracia é unha conquista dos pobos...

Velaí as razóns polas que debemos salvar a Historia, porque "o seu coñecemento é un dos principios da democracia e da igualdade entre os cidadáns", como sinala o Manifesto.

Compartir el artículo

stats