Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A través da dualidade

Indagando no misterio

A través da dualidade

Aos numerosos galardóns recibidos por Paula Carballeira únese agora o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018 recoñecendo en Somos os monstros o talento da fenesa. Calquera que sexa o eido no que traballe -prosa, poesía, narrativa ou teatro- ou faceta que desenvolva -escritora, animadora, contacontos ou actriz- sempre é un pracer escoitala ou lela e esta obra non é unha excepción.

Con apenas seis personaxes argalla a de Maniños unha historia divertida que finca as súas raíces no medo ao descoñecido e que entre realidade e ficción invita ao público a indagar no misterio e na ignorancia para superar fases e etapas que a priori resultan complicadas, pero que ben analizadas non son máis ca atrancos superables que axudan a medrar.

A forma de facelo a través da dualidade neno/nena, monstro grande/monstro pequeño, pai/xente permite enfatizar a idea da necesidade de coñecer, de descubrir o que temos ao noso redor, só así os cativos -léase tamén os adultos- serán quen de camiñar e de avanzar. Diríase que esta duplicidade actúa como espello ao reflectir as imaxes en forma de palabras proporcionando, en consecuencia, toda unha notoriedade que converte o desexo en realidade.

É ben certo que o texto se actualiza coa representación, mais a lectura da obra, nesta ocasión acompañada das ilustracións de Ignacio Hernández, permite facérmonos unha idea da concepción plástica que a escritora tiña imaxinada. Ao converter os medos en monstros que espreitan e que dialogan dilúese a compoñente sospeitosa que tanto desacouga.

CARBALLEIRA, Paula, Somos os monstros (Ils. Ignacio Hernández), Ed. Agadic/Xerais, Vigo, 2019, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats