Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O canto agridoce da Castafiore

Tintín connosco

Bianca Castafiore, a noiva imposible do capitán Haddock.

Desde principios de abril, os galegos xa podemos atopar na nosa lingua unha nova entrega de As xoias da Castafiore, a vixésimo primeira aventura de Tintín: unha coedición das editoriais catalás Zephyrum e Trilita, cunha nova tradución a cargo de Blanca Piñeiro. A anterior, da tamén catalá Editorial Juventud, data de 1985 e forma parte da colección "As aventuras de Tintín", que inclúe todos os cómics orixinais, a excepción do primeiro e do último, traducidos para o galego por Valentín Arias López (Lugo, 1934-2011).

O intrépido reporteiro belga naceeu en 1930 da man do historietista Hergé (Bélxica, 1907-1983), pseudónimo de Georges Remi, e fixo as súas primeiras aparicións en Le Petit Vingtième, suplemento do xornal católico L e Vingtième Siècle. Sempre acompañado dunha estética boy scout e do seu fiel compañeiro Milú, un fox-terrier branco, Tintín percorreeu o mundo coñecido -e algún que outro país inventado polo autor das historietas- buscando a noticia e meténdose nos problemas que faga falta sempre que a causa o mereza. As súas aventuras publicáronse orixinalmente entre 1930 e 1976 e ocuparon vinte e catro álbums. O último, titulado Tintin et l'Alph-Art ( Tintín e a Arte-Alfa, na edición en castelán), non chegou a rematarse e só se publicaron os esbozos. Desde os seus inicios, a serie tivo un éxito inaudito, pero sempre se viu enturbado pola polémica sobre a ideoloxía subxacente, supostamente colonialista, racista e un tanto misóxina.

Ademais de pola súa honradez, Tintín caracterízase, ironicamente, pola pouca definición do seu personaxe: de feito, descoñecemos a súa idade ou calquera detalle minimamente persoal que poida darnos algunha pista sobre as súas orixes, contexto afectivo ou inclinacións sexuais. Tampouco é o rei do humor. Esa tarefa recae en personaxes secundarios como Hernández e Fernández (que recuperan os seus nomes orixinais nesta edición), o profesor Tornasol ou o capitán Haddock, motivo polo cal chegaron a alcanzar a mesma fama que o protagonista. Quizais por iso, Bianca Castafiore, "a reiseñora milanesa", brillou máis que as súas propias xoias. É a única personaxe feminina importante de toda a serie.

En efecto, Bianca Castafiore é unha afamada cantante de ópera cunha voz que, curiosamente, exaspera o resto de personaxes. Apareceu por primeira vez no oitavo volume, O cetro de Ottokar, e acabou sendo unha personaxe recorrente ata en oito números. Adoita cantar a "Aria das xoias", do Fausto de Gounod, peza moi axeitada para As xoias da Castafiore, no que é a protagonista indubidable. Nel, a diva decide visitar o capitán Haddock na súa casa de campo, o Castelo de Moulinsart, o que xera grandes tensións. Por unha banda, a prensa inventa romances tolos entre ela e Haddock e, por outra, Castafiore está constantemente preocupada polo estado das súas xoias. Tras varias falsas alarmas, as alfaias desaparecen de verdade e Tintín terá que descubrir o autor.

Sempre é unha boa nova que se traduzan cómics ao galego, xa que o panorama actual, segundo os datos da Asociación Cultural Tebeosfera, é un pouco preocupante. É unha marabillosa noticia que se inclúan títulos tan importantes como As aventuras de Tintín que, ademais dun grande éxito comercial, son referentes innegables da banda deseñada actual. Dáse o caso, ademais, de que este volume, As xoias da Castafiore, é un dos seus buques insignia. Por iso mesmo resulta alarmante que un proxecto con esa dimensión non se execute co agarimo e respecto que tanto a obra como o idioma merecen.

Pouco despois da publicación desta edición, a editorial Hugin e Munin, entre outros profesionais, denunciou a través das redes sociais a calidade desta nova tradución. Á frustración xerada pola propia tradución, súmase a pouca repercusión que tiveron as queixas.No comunicado, que se pode atopar con facilidade na rede social Facebook, ademais de destacar os erros da tradución, pídeselle á editorial que retire a edición e faga unha nova coas correccións correspondentes. Conclúo, pois, coas súas palabras porque non podo melloralas: "Os lectores e lectoras en galego esiximos idénticos estándares de calidade aos das linguas de poder. Non pasamos por menos."

Menos BD no 2018

  • Cada ano, a Asociación Cultural Tebeosfera emite o seu informe anual, La industria del cómic en España, sobre a produción e consumo de banda deseñada neste país. No informe tamén se inclúe información por comunidades. En termos globais, fálase dun mercado estabilizado en España, xa que, aínda que se detecta un descenso no número de novidades, hai un aumento considerable no número de impresións. A produción propia é inferior ao 10%. -Cómpre destacar que hai máis autores españois traducidos (traballando fóra) que producidos en España: arredor do 18%. O 80% da produción dáse en Cataluña, onde contan con editoriais de gran tamaño como Panini, ECC, Norma e Planeta, que son responsables de dous terzos de toda a produción anual. En Galicia, como comentabamos, o panorama é algo preocupante. Durante 2018, só se publicaron 18 títulos, fronte aos 24 do ano anterior, dos cales 16 están na nosa lingua (dez corresponden a autores galegos e o resto, a traducións).

Compartir el artículo

stats