Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retrato dun médico de El Greco

Unha mostra no Museo de Pontevedra

El Greco: Retrato dun médico (Ca. 1582-1585).

A exposición De xira por España. Bicentenario do Museo Nacional del Prado trae ao Museo de Pontevedra unha obra prima de Doménikos Theotokópoulos, alcuñado El Greco (Candía, Creta, 1541-Toledo 1614), o Retrato dun médico (Ca. 1582-1585), un exemplo sobranceiro dentro da retratística do artista e da totalidade do período manierista, ámbito cronolóxico e estilístico en que se insire a súa pintura.

Para contextualizarmos unha obra desta fasquía cómpre lembrar que El Greco se formou inicialmente na illa de Creta nun cadro artístico en que convivía o estilo grego tradicional coa influencia da pintura renacentista italiana, debido ao dominio que naquela altura exercía a República de Venecia sobre o territorio cretense. A súa formación fíxose, de feito, no ambiente artístico local de tradición bizantina. Nunha segunda etapa, a partir da súa marcha para Italia, asimila rapidamente as leccións de Tiziano, Tintoretto e outros mestres. Con estadías en Venecia e Roma, El Greco acaba por conseguir que as variadas influencias: bizantinas, venecianas e romanas, se absorban e fundan creando unha linguaxe estilística orixinal e totalmente definida que ten a súa realización máis completa a partir da chegada a Toledo en 1577, cidade en que morará até o seu pasamento en 1614 e en que desenvolverá o groso da súa produción pictórica, mantendo tamén un activo obradoiro que espallou os seus modelos, nomeadamente os de motivos relixiosos, temas centrais da súa produción xunto cos retratos, ao seren practicamente os únicos obxecto de demanda no ambiente da Contrarreforma no contexto hispánico. Mesmo o retrato ten en Toledo un dos poucos lugares onde se desenvolve como xénero, fóra do ámbito cortesán.

A singularidade e personalidade do seu estilo está na orixe de diferentes lecturas e "apropiacións" ás que se viu sometida historicamente a súa produción, sobre todo de carácter exclusivista patriótico. Hoxe en día, liberados de moitos preconceptos e cun coñecemento mellor da súa evolución, El Greco agroma como un artista dono dunha sintaxe propia que fai del unha figura central da estética manierista. Preséntasenos non como un místico, definición coa que se ten ligado en exceso, senón como un creador cunha forte dose de preocupacións intelectuais, que reflicte e afirma a realidade cultural e ideolóxica en que vive e se desenvolve como artista. A súa obra é, xa que logo, resultado da conxunción dunha intensa experiencia persoal vivida nun contexto complexo que dá lugar a unha obra subxectiva, reflexiva e cunha forte vontade de estilo.

El Greco aparece, visto desde o noso presente, como un artista que desde moi novo, xa en Italia, elabora un estilo senlleiro e que desde que se instala en Toledo constrúe a súa obra, como subliñou o historiador italiano -recentemente finado- Lionello Puppi, "cunha vontade exclusiva de obra sen outra confrontación posíbel que consigo propio", unha afirmación que non se pode menos que corroborar ao contemplarmos obras como o lenzo que agora visita o Museo de Pontevedra.

O Retrato dun médico responde aos máis depurados modelos de retrato de intelectuais, lembrando composicións venecianas coevas coa súa elegante, austera e requintada composición e un tratamento xestual das mans elocuente: a dereita con aceno retórico e a esquerda pousada encol dun libro e co anel que identifica o portador profesionalmente. A ligazón co mundo italiano nesta obra é moi evidente, de feito nela El Greco recupera o esquema e a xestualidade dun dos seus retratos coñecidos realizados no período italiano, o Retrato dun arquitecto (ca. 1575-1576, Statens Museum for Kunst, Copenhague). Alén diso, a obra axústase a unha fórmula frecuentemente utilizada nos retratos do cretense: figura de busto realzada nun fondo neutro, coa face de tres cuartos de perfil e o ollar virado para o espectador. Tecnicamente salienta a calidade da pincelada e a pasta pictórica que utiliza o artista que se alixeira en zonas da face deixando traslucir a preparación vermella para crear forma e volume.

Título: De xira por España. Bicentenario do Museo Nacional del Prado.

Artista. Doménikos Theotokópoulos, El Greco

Produción: Museo del Prado e Museo de Pontevedra

Local: Museo de Pontevedra, Sexto Edificio, Pontevedra.

Até o 21 de abril de 2019.

Dúas obras dos fondos

  • A mostra, que celebra os douscentos anos da creación do Museo del Prado, complétase con dous lenzos que se encontran nos fondos do Museo de Pontevedra. O primeiro é un óleo do obradoiro de El Greco A expulsión dos mercadores do templo (ca. 1610-1614), copia dun orixinal que se pode contemplar na madrileña igrexa de San Ginés, que á súa vez parte dunha obra que se conserva na Frick Collection de Nova York, realizada arredor de 1600. O segundo cadro San Pedro e San Paulo é unha copia anónima realizada no século XVII -depositada no museo pontevedrés polo Prado- e reproduce o orixinal propiedade do Hermitage de San Petersburgo. Trátase dun lenzo que en tempos foi atribuído ao pintor e arquitecto Jorge Manuel Theotocópuli, fillo e discípulo do artista.

Compartir el artículo

stats