Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No retorno dos gánsters

David Mamet e o Criminal Chicago

O escritor norteamericano David Mamet.

Malia que o delito sexa o seu motor, o xénero negro distínguese do criminal ou de investigación en que sitúa o crime nun contexto xeográfico e social. Cando lemos a Agatha Christie ou Sir Arthur Conan Doyle pouca información tiramos das folgas dos obreiros ou dos problemas sociais das mulleres. Incluso, cabe que non coñezamos apenas nada da xeografía na que transcorren as súas historias.

En troques, autores como Manolo Vázquez Montalbán ou Jean-Claude Izzo permiten ao lector coñecer como era a Barcelona dos 80 ou a Marsella dos 90 do século pasado, aínda que sexa con esa ollada propia de cadansúa cidade, coa particularidade común de seren militantes de esquerdas. Opción única para tal tarefa porque os autores de dereitas non adoitan a reflexionar sobre crimes, as causas ou os contextos.

Cando David Mamet publicou Chicago en febreiro de 2018 (en castelán, desde hai uns meses en RBA), titulala co nome da principal cidade de Illinois abonda para saber o ambiente que imos atopar: os violentos anos 20: unha década que estivo dominada pola "lei seca", a prohibición do consumo de alcol acordada, como emenda constitucional, polo Congreso de Washington. Tal prohibición fixo emerxer diversas bandas que destilaban, importaban ou distribuían bebidas espirituosas, entre elas a do coñecido Al Capone.

Sobre as andanzas deste gángster e da persecución á que o someteu o axente do Tesouro Eliot Ness, David Mamet escribiu o guión de Os Intocables (1987), de Brian de Palma. Era esta unha historia cinguida ao máis coñecido dos contrabandistas pero pouco máis sabíamos daquela da atmosfera de Chicago, máis alá de coñecer as orixes de Capone e os seus (italiana) e de boa parte dos policías (irlandesa), incluído o cooptado por Ness, Malone (Sean Connery).

Agora, con Chicago, David Mamet abre o diafragma e a súa ollada abarca toda a cidade. E sen que a prohibición de alcol sexa o leit motiv da historia, está presente como un elemento cotián máis daqueles días nos Estados Unidos. Mamet sitúa como protagonista un personaxe que, a priori, non ten relación directa co mundo das bandas: Mike Hodge, un xornalista veterano de guerra que cobre a crónica de sucesos, moi atestada nos xornais daqueles anos en Chicago.

A morte chégalle moi preto, cando a moza coa que sae, a filla dun comerciante de flores irlandés, é asasinada en presenza de Hodge. Comeza a procurar os motivos, sentíndose responsable do suceso e nesa traxectoria irán aparecendo os diversos grupos criminais que daquela campaban en Chicago, co que poderíamos unha "división xeográfica do traballo".

Así, atopamos a zona sur (South Side), dominada polos italianos de Alfonso Capone; a zona norte (North Side), controlada polos irlandeses de Sean O'Banion, con vínculos cos compatriotas policías; e o distrito do Levee, zona de lecer e diversión picante, onde tamén dominaban gánsgters de diversas orixes. E, por medio, as bandas de xudeus, dedicadas á compra-venda de ouro e á prostitución.

Unha presenza, a dos irlandeses, tan determinante que incluso un crego ortodoxo oficia en gaélico e latín no enterro de Annie, a moza de Hodge. E a aparente condición relixiosa común de italianos e irlandeses agocha moitas diferencias entre eles, que Mamet ilustra con precisión. Así, se os primeiros eran capaces de gardar unha vinganza durante xeracións, os irlandeses eran de resolución inmediata dunha aldraxe. E non só iso. Cando Hodge sospeitaba unha culpa propia na morte de Annie, descartou que os autores fosen irlandeses xa que estes, di Mamet, consideran a vinganza non só unha arte senón un sacramento.

Esta rivalidade entre italianos e irlandeses, afastados polo río Chicago, sería como colocar a Messina e Limerick nunha e outra ribeira. E en cadansúa retagarda, os primeiros tiñan a organización milenaria importada de Sicilia e os segundos a conexión co IRA, daquela aínda rebelde co goberno de Dublín. Rivais e colaboradores polos mesmos negocios, pero as cousas complícanse cando aparecen terceiros en discordia e non respectan esa lei non escrita.

Compartir el artículo

stats