Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Solar: "A miña patria está na fantasía, na invención, en ser soñadora"

A escritora Maria Solar. FOTO: jaime pérez

- Quokka Moka , o seu novo libro, ten algo de "regreso" á literatura infantil. Necesitaba este respiro despois de publicar unhas novelas tan profundas e elaboradas como As horas roubadas e Os nenos da varíola ?

-En realidade non me sitúo na literatura desde o público ao que vai dirixido senón desde as historias que quero contar. Estaba traballando asemade cunha novela para adultos, que levo varios anos escribindo, e no medio deume tempo para rematar esta, que está chea de humor e que usei un pouco como desestresante.

- Este libro está inspirado nuns animais moi particulares, os quokkas: unha especie australiana de marsupiais que está en perigo de extinción. Cando e por que decidiu incoporalos como personaxes para un relato seu?

-Os quokkas foron para min un descubrimento. Un día vinos por casualidade na rede. Pareceume fascinante que exista un animal que sempre sorrí porque ten ese xesto na expresión perennemente. De contado imaxinei unha quokka mala, rabuda, e que fai todas as maldades cun gran sorriso nos beizos. Imaxinei o que pode ser que alguén sufra, ria ou estea enfadada sempre co sorriso na cara e, lonxe de ser fantástico, pareceume unha puñetada para ese ser. Así que vin moi claro que os quokkas tiñan unha historia divertida que contar.

- Esta tal Quokka Moka "sempre sorrí, pero é realmente insoportable". Hai persoas que son así: amables e simpáticas por fóra pero que por dentro deixan moito que desexar?

-Hainas, hainas. E hai quen, como Quokka Moka, dorme tranquila e non sente remorsos polo dano que fan. Chámalle falta de empatía ou chámalle maldade, pero hai persoas, e neste caso quokkas, que son así.

- Cal é a mensaxe que lle quere dar aos lectores con esta historia?

-Este libro, que é eminentemente de humor, ten un pouso sobre o respecto aos demais e á súa forma de pensar e ser. Algo que Moka non entende ata o día no que ela empeza a ser vítima, e que remata de comprender cando viaxa ao Antiuniverso e alí todos son do revés pero cren que son do dereito. Logo... quen están do dereito e quen do revés? En todo caso, como en todos os meus libros, non trato de dar leccións, senón de levar á reflexión e que os propios nenos busquen e razoen a súa resposta.

- Hai quen di que a patria de cada un/unha é a infancia. A patria literaria de María Solar é a literatura infantil?

-Eu creo que a miña patria está na fantasía, na invención, en crear mundos, en ser soñadora. Son así desde nena e para todo. Se escoito un ruído nun ascensor, xa estou imaxinando ao instante unha historia de terror, aventura ou de amor para explicalo. É unha condición, escribir só me libera para crear e amosalo aos demais.

- Cre que xa está superado o prexuízo de que a literatura infantil é literatura menor ou aínda abonda este seudotópico?

-Non. É unha realidade que ves a diario e que, como o machismo, todos negan pero despois se observa nos feitos. Ata que escribín para adultos, non deixaban de preguntarme cando o faría, como se non fose unha escritora completa ou satisfeita sen facelo. Ou fálanche de que escribiches unha 'noveliña' para nenos. Pero a boa literatura infantil non ten idade e ten complexidade, nós traballamos con niveis de lectura. Eu son moi consciente de que os pais len cos fillos e eles entenden un libro e os pequenos outro. Non sinten igual nin teñen os mesmos referentes vitais, esa é a grandiosidade da literatura mal chamada infantil, que en realidade - como o cine- é para todos os públicos.

- Ademáis de licenciada en Xornalismo, tamén o é Vde. en Bioloxía, así como diplomada en Maxisterio e especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. Agora mesmo, é coordinadora de Cultura na RTVG e presentadora de ZigZag-Fin de Semana . Ou sexa, que leva moitos anos facendo varias cousas á vez. Cal é a fórmula para que lle dea tempo a todo?

-As carreiras foron unha detrás doutra e aínda que moitas veces traballaba ao tempo, non teñen un mérito especial máis alá de organizarse. O que fago agora é similar. Creo que a miña gran capacidade é a de organizarme e ser disciplinada. Fago longas listas de cousas pendentes cada día, que incumplo sistematicamente, pero nas que vou avanzando. Os libros que eran un entretemento e que se converteron tamén en parte importante da miña vida, precisan de cachiños de tempo no día; pero nada é tan importante como a familia. Os meus fillos son a absoluta prioridade.

- A todo isto, ser coordinadora de Cultura dunha canle pública e, ao mesmo tempo, formar parte, como escritora, do sistema cultural galego, non a pon ás veces diante de dilemas e situacións nas que hai que tomar, sobre todo como coordinadora de Cultura, decisións digamos que moi "peliagudas"?

-En absoluto. Ser parte do sistema cultural galego permiteme coñecelo desde dentro e mesmo ter información de primeira man. Logo as decisións son profesionais, levo máis de vinte anos dedicándome ao xornalismo e aprendín a separar as cousas.

- Comezamos esta entrevista polo "regreso" á literatura infantil e, aínda que sexa tópico, non podo evitar preguntarlle se pode adiantar algo do seu próximo libro "para adultos"?

-Estou escribindo desde hai varios anos unha novela que tiven que parar varias veces por circunstancias persoais, pero na que vivo e estou metida de cheo. É a primeira vez na miña traxectoria de escritora que teño clara toda a historia desde que me puxen coa primeira liña. Hai moitos anos que afondo nos sentimentos, creo que esta vez máis ca nunca, pero desde outra perspectiva: desde o punto de vista do mal e do que pasa nas persoas despois de facelo.

Compartir el artículo

stats