Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na procura das cunchas

66 anos de cinema en Donostia

Logotipo do festival, 2018.

Hai dúas semanas, nesta mesma tribuna, cando escribía sobre o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) -que, por certo, congregou a 15000 persoas, case os mesmos habitantes que posúe a vila-, sinalaba que os festivais de cine naceron cunha dobre motivación: a política, como arma propagandística do Réxime, como aconteceu co Festival de Venecia, e a económica, unha forma de promocionar a hostalaría e o turismo, e esta foi a clave inicial da que, nun principio, se coñeceu como a Semana Internacional de Cine de San Sebastián. Non sería ata o ano seguinte cando se convertese en Festival Internacional de Cine, unha vez que o Sindicato Nacional do Espectáculo e o Ministerio de Información e Turismo se fixeron cargo da organización do certame. Cabe recordar que en 1951, cambios gubernamentais propiciaron a creación do Ministerio de Información e Turismo co ultracatólico Gabriel Arias Salgado ao fronte, encargado de conxugar o inmobilismo dentro das fronteiras cunha imaxe de apertura destinada ao exterior, imaxe que o Festival permitiría difundir con naturalidade. E non deberiamos esquecer tampouco, nos albores da creación deste Festival, do nomeamento de Arias Salgado como Director Xeral de Cinematografía e Teatro, responsable dun afán aperturista que acabaría por desembocar, poucos anos despois, na súa destitución.

Non tivo que pasar moito tempo para que, pouco o pouco, o novo certame fora recoñecido alén das estritas fronteiras do Réxime, sobre todo despois de que o certame, sempre dentro dun límite, se abrise ao cine estadounidense. Así, en 1957, ao Festival foille concedida a máxima a categoría, a categoría A, o único certame en todo o territorio español con esta distinción, e un dos sete europeos e catorce mundiais.

Ademais da súa sección oficial, o Festival conta con máis dunha ducia de seccións alternativas que permiten singularizalo respecto doutras mostras como, por exemplo, entre outras: "Zabaltegi-Tabakalera", unha zona aberta a todo tipo de formatos; "News directos", onde compiten realizadores co seu primeiro o segundo traballo; "Horizontes latinos", para longametraxes producidas en América latina; "Perlak", na que se poden visionar obras inéditas en España, premiadas noutros festivais; "Culinary zinema", na que participan películas que xiran arredor da temática gastronómica; "Velódromo", onde se exhiben grandes estreas nunha sala cun aforo para 3000 persoas e unha pantalla de 400 metros cadrados; "Klasikoa", dedicada a unha película clásica restaurada, que este ano será Ladrón de bicicletas (Vittorio de Sica, 1948).

Con esta traxectoria -sesenta e cinco anos de vida- e a súa acredita posición no panorama cinematográfico internacional, o Festival vén de participar activamente na historia da sétima arte desde a segunda metade do século pasado. San Sebastián foi o primeiro festival de Roman Polanski ou Pedro Almodóvar ( Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón, 1980) e tamén o primeiro que premiou a directores como Francis Ford Coppola (T he rain people, en español Llueve sobre mi corazón, 1969) e Terrence Malick ( Badlands, 1973).

Este ano, o xurado presidido polo director estadounidense Alexander Payne terá que elixir o gañador da Concha de Ouro da Sección Oficial entre unha vintena de títulos, que dará o relevo ao vencedor da edición pasada, The Disaster Artist de James Franco. Entre as longametraxes que compiten polo máximo galardón do Festival atopamos algunhas cintas españolas como Yuli de Icíar Bollaín; Dantza, un documental de Telmo Asnal; e a nova película de José Luis Cuerda, Tiempo después, unha distopía cómica na que o director manchego semella querer retornar o espírito das súas obras máis afamadas: Amanece que no es poco (1989) e mais Así en el cielo como en la tierra (1995).

Santoral de estrelas

  • Gran parte do prestixio do Festival pódese medir polo santoral de estrelas que subiron ao escenario para recibir o Premio Donostia, un premio honorífico que recoñece a aportación a sétima arte de grandes figuras mundiais. Inaugurouse en 1986, co galardón a Gregory Peck. Ao protagonista de To Kill Mockingbird (1962) sucedéronlle actores e actrices como Bette Davis, Vittorio Gassman, Glen Ford, Lauren Bacall, Al Pacino, Meryl Streep, Robert Mitchum e Lana Turner e directores como Francis Ford Coppola, Woody Allen, Oliver Stone ou Agnès Varda. Pola banda nacional, Fernando Fernán Gómez foi o primeiro artista español en recibir este recoñecemento, ben polo seu labor interpretativo, ben pola súa pegada como director. Este ano, os galardoados son o actor, produtor e director Danny DeVito, a actriz Judi Dench, e o realizador xaponés Hirokazu Kore-Eda. Aínda que nunca recibiu o Premio Donostia, Alfred Hitchcock é outro dos grandes cineastas cunha especial relación co Festival. Vértigo (1958), proclamada en 2012 á mellor película da historia do cinema segundo unha enquisa entre expertos elaborada pola revista Sight and Sound, fixo a súa estrea mundial en Donostia. Porén, non levaría a Cuncha de ouro, que sería para a polaca Ewa chce spac de Tadeusz Chmielewski, aínda que Hitchcock si gañaría a Cuncha de prata a mellor director.

Compartir el artículo

stats