Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salvador Castro: "Hai literatura difícil de levar ao cine, pero eu non diría que imposible"

Profesor de Lingua e Literatura no Instituto de Rodeira (Cangas), vén de publicar O lapis da luz: reescrituras de Manuel Rivas no cine (Via Láctea), un ensaio editado trala publicación doutro sobre a relación de Torrente Ballester con Bueu a través da triloxía Los gozos y las sombras.

Salvador Castro, en Cangas. FOTO: gonzalo núñez

-Qué teñen en común as literaturas de Torrente Ballester e Rivas?

-Torrente e Rivas, como grandes creadores que son, posúen unha orixinalidade renovada, cada obra súa presenta unha frescura inédita. De modo que existe un Torrente de Los gozos y las sombras e un Torrente de La saga/fuga de J.B.;un Manuel Rivas de En salvaxe compaña e un Manuel Rivas de Os libros arden mal. Non hai, pois, un Torrente ou un Rivas unívoco. Con todo, ambos comparten, aínda que non de xeito exclusivo, un uso da xeografía galega como escenario, ben sexa a través de topónimos reais ou inventados. Ambos rexeitan de maneira radical, íntima,a inxustiza, a opresión e ambos empregan o humor, un humor máis ou menos explícito, máis ou menos refinado, na construción das obras e dos personaxes.

-De cal dos dous autores resulta, en principio,máis doado adaptar as súas obras ao audiovisual?

-Torrente Ballester e Manuel Rivas teñen unha grande relación co cinema, sobre todo polo seu labor como guionistas. Don Gonzalo é, nada máis e nada menos, que un dos guionistas de Surcos (Nieves Conde) e Rivas redactou o guión da súa novela Todo é silencio (José Luis Cuerda). Ambos foron obxecto de interesantes adaptacións: Los gozos y las sombras (Moreno Alba) e La crónica del rey pasmado. ( El rey pasmado, Imanol Uribe, 1991) no caso do ferrolán e, por só citar un par de obras, La lengua de las mariposas (José Luis Cuerda, 1999) e El lapiz del carpintero (Antón Reixa, 2003)do de Monte Alto. Non creo que un autor ou outro sexa máis difícil de adaptar pero si hai unhas obras máis complexas ca outras. Creo que En salvaxe compaña é difícil de levar ao cine sen uns grandes medios tecnolóxicos, e Saga/fuga de J.B. pouco menos que imposible, porque todo ese delirio narrativo e verbal, todo ese humor metatextual resulta moi complexo de traducir a unha linguaxe visual.

-Que foi o que o motivou a facer esta singular lectura audiovisual da obra de Manuel Rivas?

-Despois de anos de traballar cos meus alumnos nas relacións entre cine e literatura, coidei que podería ser un bo momento para emprender un traballo máis rigoroso. Púxenme en contacto con Carmen Becerra por se podería dirixir un traballo de investigación sobre este campo. Ela propúxome que elixise un autor galego e non tardamos nin cinco minutos en decidirnos por Rivas. Pensabamos que podería ser de interese o estudo dun autor central no canon literario galego actual, pero cuxa relación co cinema non estaba estudada dabondo.

-Ten Vde. afirmado que a obra de Rivas que mellor foi levada á pantalla foi A lingua das bolboretas , pero boa parte do mérito tívoa o guionista, Rafael Azcona. É bo que o guionista sexa alguén alleo ao autor ou é mellor que o guión o faga o propio autor?

-Hai que superar a visión de que o director é o único autor dunha obra de cine, un filme ten varios autores.Moitos dos logros estéticos de Cidadán Kane non son atribuíbles a Welles senón ao director de fotografía: Gregg Toland. O guionista é, sen dúbida, un dos autores con maiúsculas na creación dunha película. No caso de Azcona estamos diante do guionista máis influínte da historia do cinema español, un creador extraordinario. Azcona non se limitou a transformar os tres relatos de Rivas nunha única historia, mediante o sinxelo, pero preciso, recurso de crear lazos familiares entre os protagonistas das diferentes historias do autor literario senón que incorporou moitos elementos incluso autobiográficos ao relato. En canto á pregunta, non creo que se poida contestar de xeito tallante. Depende do talento e o acerto concreto. No caso de Rivas si creo que Azcona foi decisivo na calidade da reescritura fílmica e que Rivas non acadou o mesmo nivel en Todo é silencio.

-Que é máis frecuente: facer unha mala película dunha boa novela ou facer unha boa película dunha novela mediocre? Pódeme poñer exemplos destes dous casos?

-Igualar unha obra mestra é case imposible. Como estar á altura do Quixote? En troques é máis doado mellorar algo malo. En calquera caso, por que temos que comparar se este ou aquel é mellor? Na miña opinión, debemos gozar de ambas obras sen máis. O terceiro home, a novela de Graham Green, por exemplo, é unha gran novela, pero a expresión dos dedos das mans de Orson Welles intentando saír desesperadamente da cloaca, na versión fílmica, é sublime. Unha das miñas novelas preferidas é As uvas da ira;a súa lucidez e o extraordinario final, imposible de rodar no cine de 1939 por razóns de censura, é asombroso. A adaptación de John Ford non ten, na miña opinión, a forza da novela, porén ten algúns dos mellores momentos da filmografía deste director. O instante en que Mamma Joad queima as súas poucas pertenzas e se contempla nun espello deteriorado ten o sabor do imprescindible.

-Hai literatura imposible de levar á grande pantalla?

-Basta que diga que tal obra é imposible de adaptar para que dentro de media hora un xenio me tape a boca cunha obra mestra. Manuel Gutiérrez Aragón rexeitou, malia que tiña unha opción sobre ela, adaptar O lapis do carpinteiro porque segundo el a subxectividade da novela non se podía trasladar ao cine e Reixa, con maior ou menor acerto, si a realizou. As obras literarias centradas no argumento, na historia que contan, son máis doadas de trasladar ao cinema. Claro que existen outras para as que o esencial é o discurso, a forma de narrar; estas son máis difíciles de reescribir. Unha obra como Saga/fuga de J.B. paréceme moi difícil de levar á pantalla.

-Están demasiado influídos polo, chamémoslle factor audiovisual, a meirande parte dos escritores dos séculos XX e XXI?

-"Demasiado" é unha palabra que ten un sentido pexorativo neste contexto e eu fuxiría del. Os escritores dos séculos XX e XXI están moi influídos polo cinema e non pode ser doutro xeito, xa que as distintas formas do audiovisual se converteron no primeiro cuarto do s. XX. A maioría das persoas son máis espectadores que lectores. No seu discurso de ingreso na Academia Luís Goytisolo afirmaba que, diante da presenza do audiovisual, os escritores só teñen dúas solucións: incorporar as formas narrativas do cinema ou ben elixir deliberadamente formas afastadas, o que non deixa de ser unha influencia en tanto que condiciona a forma de escribir. En resumo: a influencia do audiovisual é un feito, nin negativo nin positivo, nin excesivo nin escaso;é unha opción.

-É bo para un escritor que, cando escribe, estea a pensar en que a súa obra teña posibilidades de ser levada ao cine/TV ou cando se escribe hai que abstraerse das (posibles) imaxes?

-Acaso conveña preguntarse primeiro: cal é o obxectivo do escritor? Desenvolver un traballo que lle permita vivir decentemente, mesmo desafogadamente? Se ese é o obxectivo, calquera estratexia paréceme correcta. Se, por contra, o obxectivo está en crear un texto o mellor posible, daquela creo que o mellor é non pensar noutra cousa que non sexa o propio texto. Pero, cantas veces un texto comercial acaba, co paso do tempo, converténdose nunha referencia de calidade?

Compartir el artículo

stats