Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Habitus violento no corpo

Contra o discurso da inseguridade

O filósofo francés Pierre Bourdieu (1930-2002).

Hai palabras que se presentan lixeiras. Esvaran no discurso sen chamar a atención. Pero non son inocentes. INCORPORAR, parece especialmente inopinábel pero INCORPORAR é facer algo parte do noso corpo. Unir unha persoa a unha cousa para que faga un todo. Dito asi, dá que pensar. É utilizada na consolidación de ideas e normas e é frecuente o seu uso na contorna da formación. FORMACIÓN, outra palabra que ten fondo. Fórmase aquilo que non ten forma. Se pensamos nas nenas e nenos dá algo de medo, non? Formamos as fillas e fillos porque non teñen forma? A súa forma está deformada? Di a nai: "O neno é insoportable doutora, se lle damos un pouquiño de medicación creo que estará máis tranquilo?" Calquera pode responder a esta nai porque un Lorazepam tranquiliza o neno e, se o toma a nai, entón os dous estarán máis tranquilos. Mesmo é posible que o menor se convirta nun mellor estudante, deses que o sistema quere, bos facedores de exames, suxeitos produtivos. Podemos preguntarlle á nai se sabe quen está detrás dos informes educativos internacionais que normalizan o que hai que estudar e se atopa nestes organismos algún obxectivo fora do crecemento económico. Pensar que un neno non é como ten que ser, dá moito que pensar.

Pierre Bourdieu fala deste incorporar do poder dende o seu concepto de habitus, un conxunto inmaterial que dá forma á nosa vida dende os dispositivos sociais como o educativo, familiar ou o sanitario, e refírese á súa xeración e ao sistema que o consolida. Estas representacións dos nosos estilos de vida, que nacen das institucións regulamentarias, como as chama Michel Foucault, son sorprendentes porque, baixo a súa dirección normativa, aínda temos capacidade para crer que somos libres. E xa que estamos a voltas coa palabra, CREMOS, é un asunto de fe non de pensamento porque se pensásemos, non creriamos nada neste sentido das verdades construídas.

Prodúcese en nós unha creación do ser dende que nacemos, que vai dende o límite da nosa pel cara a dentro pero tamén do límite de nosa pel cara a fóra. E neste proceso de incorporar coñecementos de fóra, non hai subxectividade previa. Esta idea de que saímos ao mundo para facer o que, unha vez crecidos, decidimos é unha ilusión; as estruturas son previas e dispoñen de nós dende que nacemos e están presentes e asimiladas independientemente da nosa vontade.

O poder e a súa violencia están no habitus e esta estrutura simbólica dá acubillo ás formas de violencia obxectivas e materiais. Reprodúcese de forma moi eficiente a través dos medios de comunicación e triúnfa neste facer corpo da normalización na educación, na saúde, na convivencia e tamén na ilusión da resistencia.

Pero esta violencia exércese tamén nas relacións interpersoais porque o poder constitúe as identidades e faino a través da diferenza, discriminando. O outro pode ser un igual ou un inimigo, non hai máis alternativas. O camiño simbólico da palabra constrúe realidade na incorporación de sentido. INMIGRANTE no está vacante, viaxa con crise, medo, carencia, inimigo, pobreza. Escandaliza máis como veciño un inmigrante pobre que un torturador condecorado ou preocupa máis unha feminista que unha muller submisa.

O poder non se presenta de forma visible. Aparece protexido por estruturas moralizadoras como a familia, a igrexa a escola que dan por suposta unha forma de actuación amparada polas boas intencións e nada é cuestionable. Pero a realidade é que non existe unha subxectividade previa, un estado natural no ser humano. O que damos por suposto ten una historia arraizada nun proceso prolongado que, para facer corpo, desprazou outra realidade que quedou na sombra. E cando algunha cousa entra en contradición con esa orde, xérase unha xustificación da violencia. O discurso da inseguridade xustifica a violencia cara ao inmigrante, o do egoísmo xustifica a imposición da maternidade, o da perversión xustifica a intolerancia á orientación sexual non heterosexual.

Existe, neste sentido unha perpetuación da violencia a través do simbólico que non pode ser observada a través das estruturas políticas tradicionais e que converte en natural a desigualdade social.

Compartir el artículo

stats