Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Héctor Cajaraville: "Rosendo Salvado foi un adiantado á Teoloxía da Liberación"

A saída do prelo do seu último libro, Nova Nursia (Edicións Xerais), unha biografía novelada de Frei Rosendo Salvado, cáseque veu coincidir coa noticia da obtención do Premio Merlín de Literatura Infantil por Kusuma: en palabras do xurado, "unha historia de superación, de amizade e de aventuras"que será publicada en outono xunto cos outros dous volumes galardoados este ano no certame da editorial viguesa.

FOTO: xoán álvarez

-Ten Vde. xa varios libros escritos, que acadaron premios, de literatura infantil e xuvenil. Que sensación lle dá, logo de gañar este último?

-Unha sensación de inmensa felicidade, e en parte de incredulidade tamén. Porque agora que xa levo un tempo neste mundo da literatura e sei da calidade dos escritores /as cos que comparto este espazo da LIX en galego, cada vez valoro máis que unha obra miña reciba algún tipo de recoñecemento nos certames aos que me presento.

-Prodúcelle unha satisfacción especial escribir para os máis novos?

-A LIX é un espazo de liberdade case absoluto, onde algunhas das ferramentas máis útiles para alguén que escribe (o enxeño, a capacidade de fantasiar, a creatividade...) poden lucir máis vistosas, e por iso me gusta tanto escribir para rapaces e rapazas. E porque, ademais, de todo o que trae como valor engadido isto de dedicarse á literatura, unha das cousas que máis me enriquecen e coas que máis desfruto é o contacto con persoas desta idade, co seu entusiasmo, a súa implicación na lectura e a súa sinceridade á hora de trasladar opinións ou comentarios.

-Haberá quen diga que gañar o Merlín non é tan importante como gañar o Xerais. Como Vde. gañou os dous, que opinión lle merecen este tipo de comentarios?

-É certo que nalgún tempo a literatura infantil e xuvenil era un pouco a irmá pobre da outra literatura, a destinada ao público adulto. Penso que iso xa non é así, ou polo menos está deixando de selo paseniño. Por dous motivos: primeiro, porque as barreiras entre literatura infantil/xuvenil e para adultos fse foron diluindo, e moitas veces as propostas son igualmente válidas para un lector ou lectora de calquera idade; e tamén porque a literatura infantil e xuvenil en galego está no seu momento de maior esplendor: é a nosa carta de presentación ante o mundo, e iso fai que cada vez se valore máis este xénero. Para min gañar o premio Merlín, malia outros premios anteriores, ente eles o Xerais, é un chanzo máis na miña consolidación como escritor, non teño ningunha dúbida.

-Cal é a trama de Kusuma ?

- Kusuma é unha fábula; é dicir, un libro en que os personaxes son animais. A protagonista é unha faisán femia que debe abandonar o seu lugar de orixe porque debido á acción do ser humano a vida alí xa non é posible. Tras unha longa viaxe, acaba chegando a Galicia, onde decide instalarse. Pero non o vai ter doado: as diferenzas culturais, os prexuízos, a desconfianza ante o descoñecido... vanlle complicar a súa integración na fraga en que se instala. Pero con valor e afouteza todos os atrancos se poden vencer, porque esta é tamén unha historia de superación. Esta é a mensaxe que encerra o libro, no que penso que é moi doado establecer a correlación entre a fábula que lle dá forma e os asuntos, moi humanos e moi actuais, que se tratan nela.

-Vaiamos con Nova Nursia , que vén ser unha biografía novelada de frei Rosendo Salvado. Por que elixiu precisamente facer unha novela en lugar de escribir unha biografía ao uso?

-A miña premisa no momento en que decidín dedicarme á literatura foi tratar de probar un pouco de todo, e este xénero da biografía novelada interesábame abordalo nalgún momento, polo reto que supón escribir sobre alguén que existiu pero mediante os recursos e os mecanismos da novela. Hai dous anos cruzouse na miña vida a figura de frei Rosendo Salvado e tiven claro que ese era o protagonista ideal para construír sobre el unha historia deste tipo, cunha historia real fascinante a partir da cal eu fago a miña achega como autor de ficción.

-Que estraño fenómeno se produciu para que, ata hai poucos anos, de Rosendo Salvado case tan só se soubese que "foi o home que trouxo o eucalipto a Europa"?

-O que se produciu foi máis ben unha enorme inxustiza, porque frei Rosendo Salvado é un personaxe cunha traxectoria vital apaixonante, un aventureiro, un sobrevivente, un home que renunciou a unha vida de luxo por se entregar aos demais. Foi o primeiro valedor dos aborixes australianos, a persoa que está detrás dos dereitos (entre eles, a propia condición de seres humanos) que ao principio se lles negaron por parte dos colonos británicos. E pasar á historia non por iso, senón porque enviou unhas sementes para que aquelas árbores maxestosas que atopou á súa chegada a Australia fosen coñecidas aquí é dunha mesquindade e dunha estreiteza que nos retrata como país. Penso que ese foi o motivo que me levou a escribir Nova Nursia.

-Quixera que me falase do traballo de documentación que tivo que realizar para escribir esta novela.

-Foi un labor de moitos meses nos que tratei de recompilar e ler todo o que había publicado sobre frei Rosendo Salvado, e tamén o que el mesmo publicou, pois é autor dunhas memorias en que narra a súa chegada a Australia e a posta en marcha da misión de Nova Nursia. Para ningún outro libro meu fixera un traballo de documentación tan intenso, porque eran propostas máis ficcionais, e o que imaxinaba como un proceso árido e ingrato acabou sendo todo o contrario. Desfrutei moito dese traballo previo e cada cousa que atopaba, para min era unha descuberta que me abría novas posibilidades narrativas. A única mágoa que me quedou foi non poder ir a Australia para documentarme in situ (risos).

-Situándoo no seu contexto histórico, foi Rosendo Salvado unha especie de adiantado dos teólogos da liberación?

-Eu quero velo dese xeito. Cando chegou a Australia, a súa intención evanxelizadora, é dicir, a faceta relixiosa, pasou a un segundo plano, porque foi consciente de que as prioridades eran outras: ante todo, evitar o exterminio das comunidades aborixes, engulidas pola ansia colonizadora dos europeos. E nese sentido si que penso que foi un adiantado ao seu tempo, porque con ese mesmo enfoque desenvolveron o seu labor misioneiro outros membros da Igrexa cincuenta ou cen anos despois.

-É frei Rosendo unha figura lembrada en Australia?

-Máis que aquí, sen dúbida. Alí si que é recoñecido como un dos defensores, talvez o primeiro, da poboación aborixe do país. E en Perth, a cidade máis grande do occidente australiano, preto da cal está a misión de Nova Nursia, unha das principais avenidas leva o seu nome: Salvado Road. Mesmo hai unha ruta desde Perth ata a misión que moita xente fai camiñando para rememorar a súa xesta, pois el tamén realizou a pé ese mesmo percorrido en moitas ocasións.

-E, por outra banda, é xa unha figura suficientemente recoñecida en Galicia?

-Nin moito menos. É verdade que coincidindo co segundo centenario do seu nacemento, en 2014, se fixeron moitas actividades centradas na súa figura.. Pero quedou todo nun plano moi "institucional", a visibilización de cara á sociedade, en xeral, foi escasa. A maioría da xente segue coñecendo a frei Rosendo Salvado só polo nome dunha rúa, pola súa vertente estritamente relixiosa, polo dos eucaliptos... Como moito, se cadra, porque tamén era un magnífico músico e compuxo algunha peza de relevancia. Un exemplo deste desleixo cunha figura de tanto relevo é que, pese ao seu inxente labor educativo en Australia, nin un só colexio ou instituto de Galicia leva o seu nome. E a súa casa natal de Tui, no canto de ser un museo ou un lugar de visita, está á venda nestes momentos.

Compartir el artículo

stats