Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aprender a ler

Atopando o pracer dos textos

Aprender a ler

Velaquí a a historia dunha escritora que de nena rexeitaba os libros, o ensaio dunha tradutora que na escola e no liceo se opuña aos gustos dos profesores e ao canon da literatura francesa, o relato autobiográfico dunha muller que conta sen complexos a tortuosa relación cos libros ata que un día sucedeu o milagre de atopar a obra que nun xardín secreto agardaba por ela.

Como aprendín a ler sorprende pola sinceridade da autora, polas súas narracións e polas súas traducións de autores clásicos como Virginia Woolf, ou de outras máis próximas como Cynthia Ozick ou Anne Finne. Agnès Desarthe conta como antes de chegar a vivir da escrita tivo que padecer unha difícil conversión. Chegar a onde está foi o froito dunha amarga travesía: de nena apreciaba máis a música e a forma das palabras que as narracións infantís ou os libros importantes da literatura francesa. Por sorte, o contacto con Marguerite Duras e as recomendacións do pai para que lera novela negra comezaron a obrar a metamorfose. Faulkner, Camus e Dostoiewski aumentaron a súa fe, cando aínda non era quen de aturar a "soporífera Madame Bovary" nin a prosa "abafante" de Proust.

O taumaturgo que conseguiu que a autora fose capaz de lelo todo, foi Isaac Babel Singer. Antes, a resistencia estaba provocada polo vínculo entre deportación e lectura, xa que ela e mais a súa familia "non eran franceses dabondo. Mais Singer vence a resistencia e conduce o seu buque ao luminoso porto no que pasean Balzac, Flaubert, Melville. O Nobel xudeu consegue a curación porque as súas narracións axudaron a Agnès Desharte a comprender de onde viña histórica e socialmente; a parisina de pai ruso e nai nada en Libia agora ía saber a ubicación do lugar desde onde escribía. O cimo do proceso finalizaría coa tradución. A nena que pensaba que ler non valía para nada, que quería escribir, sen comprender a íntima unión destas dúas actividades, agora vai iniciar un fértil periodo de dedicación á literatura. A súa vida cambia: le con voracidade, escribe para mozos e adultos, fai traducións. E a súa vida xira en boa medida sobre estes dous eixos complementarios. O resultado son trinta libros para nenos e adolescentes, dez novelas para adultos, varios ensaios?

A segunda novela de Agnès Desharte, Un secret sans importance, foi obter o famoso premio Livre Inter. Nela formula Desharte o problema das orixes, algo moi importante en Como aprendín a ler, e crea entón un personaxe que mestura varios riscos dos seus antepasados. Ademais, en Como aprendín a ler amosa sinceridade srespecto dos problemas que tiña para a lectura ata que chegou á Universidade. Só que ao final o resultado é totalmente feliz: a lectura é un dos maiores praceres que, no seu caso, vai unido ao oficio que escolleu.

DESHARTE, Agnes, Como aprendín a ler (trad. Moisés Barcia), Rinoceronte, Cangas, 2018, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats