Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAA revolución traizoada

50 maios despois daquel maio

Manifestación nas rúas de París, en maio de 1968.

O 22 de marzo de 1968 un grupo de estudantes da Universidade de Nanterre ocupou a torre central da súa universidade: baixo o liderado do anarquista Daniel Cohn-Bendit e do trotskista Daniel Bensaïd, xurdía un conflito do que a central obreira comunista (CGT) e o Partido Comunista, liderado por Georges Marchais, semellaban quedar á marxe. Ora ben; cales eran os obxectivos desa loita que, aparentemente, converteron en caducas as aspiracións do movemento comunista tradicional? Obviamente, malia que dispomos dun arsenal de documentos, a resposta non é doada. Por unha banda, o movemento comunista tradicional tiña uns obxectivos ben materiais: mellora das condicións laborais nos postos de traballo, aumento salarial, maior investimento social do estado, maior redistribución da riqueza?.; no outro bando, o que estaba chamado a superar pola esquerda: anarquistas, trotskistas, maoístas e outros revolucionarios da extrema esquerda aspiraban a transformar a condición vital dos individuos nunha sociedade deshumanizante, polo que buscaban, en palabras dun dos seus protagonistas, Bensaïd, un mundo no que o 'dereito á existencia se impuxese ao dereito á propiedade', razón pola que moitas das súas demandas eran 'metafísicas' e: 'queremos todo!'.

Daquela, como se desenvolveron os acontecementos? Logo dunhas semanas posteriores a esa acción inicial de Nanterre, nas que se fixo evidente a tensión entre un sector do estudantado universitario e mais o goberno do xeneral De Gaulle, o 3 de maio os estudantes ocupan a Sorbonne. Ante o avance dos acontecementos, o 13 de maio as diferentes organizacións obreiras e estudantís -incluídas o PCF e a CGT-, convocan unha masiva manifestación en París: chegouse falar dun millón de participantes, principalmente universitarios, pero tamén dos liceos, e obreiros das principais fábricas da cidade. Ese paro marca o inicio dunha masiva folga xeral que mobilizou once millóns de traballadores que bloquearon a produción nas principais fábricas do país e a paralización de Francia nos días posteriores. Ante esa situación, a patronal e o goberno tiñan que atopar unha saída: ou optaban pola brutal represión do movemento ou axeitabn unha negociación. Ora ben, para negociar cómpre un interlocutor e unhas demandas concretas: aí entran os comunistas da CGT, que tiñan unha longa listaxe de demandas ben concretas e materiais! Neste sentido, o 27 de maio alcánzanse os 'acordos' (non subscritos formalmente, pero si cumpridos) de Grenelle, que esencialmente van supor un aumento do 35% do salario mínimo e un 10% de todos os salarios, alén doutras demandas defendidas polos comunistas. Malia que as bases non aceptaron de boa gana os 'acordos' e algúns sectores continuaron a folga, logo da chegada do xeneral De Gaulle de Baden-Baden, de onde viña de falar cos xenerais das forzas desprazadas en Alemaña, e da masiva manifestación da dereita polos Champs-Élysées, o 30 de maio disólvese a Asemblea Nacional e convócanse eleccións, que dan a vitoria aos conservadores.

Maio do 68 deixou un balance contraditorio: unha sensación de revolución traizoada, no sentido de que houbo forzas que impediron seguir adiante, pero tamén porque moitos dos líderes ultaresquerdistas hoxe ocupan altos postos nos aparellos ideolóxicos e non ideolóxicos da maquinaria capitalista que dicían combater. Ademais, alén diso, deixou a sensación de que son necesarias outras accións para pór fin á opresión (movementos LGTBIQA, pacifistas, ecoloxistas?) e tendeuse a considerar superada a loita de clases. Porén, quizais a lección obrigada tras 50 anos é que debemos establecer unha estratexia que sume todas as reivindicacións colectivas e particulares dos diversos movementos en loita. Esa é a única vía para lograr a emancipación humana: o enfromtamento contra todas as formas de opresión: de clase, de xénero, de orientación sexual, lingüística, étnica, racial, cultural?, dende unha única perspectiva: a que dá a condición de quen sofre a explotación.

Compartir el artículo

stats