Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sementando o futuro

Unha acertada achega

Sementando o futuro

María Victoria Moreno é este ano a autora homenaxeada pola RAG no Día das Letras Galegas. Con tal motivo, acaban de aparecer diversos estudos sobre a súa figura e obra. O que agora comentamos, de Isabel Soto e Xavier Senín, xira sobre todo arredor do itinerario vital da polifacética autora e sobre as claves da súa obra literaria, que tanta importancia adquiriu coa exitosa publicación de Anagnórise en 1988. E aporta tamén unha cumprida bibliografía da autora en varias linguas, dá conta das súa traducións e dunha extensa bibliografía na que aparece citada. A obra é unha boa introdución ao pensamento e á literatura desta cacereña que asumiu como propia a lingua galega, e foi pioneira na creación e difusión da literatura concibida para o gozo dos nenos e dos mozos. Autora tamén de textos poéticos e, ao cabo da súa vida, dunha reflexión profunda sobre o cancro de mama en Diario da luz e da sombra.

María Victoria Moreno tivo unha infancia marcada pola prematura morte do pai, estudou o bacharelato en Barcelona, logo foi unha filóloga que amosou na súa cátedra un fervor apaixonado polo labor docente, un fervor que trasladaría a outras actividades como a de dar cursos de lingua galega semiclandestinos, a de editora de libros para os cativos, a de libreira en Pontevedra, cidade na que se entregaría á redacción de traballos didácticos, de novelas importantes como Guedellas de liño e seda (1998), de poemarios como Elexía da luz (2006) e mesmo un interesante ensaio sobre os Seis poemas galegos de Federico García Lorca.

En María Victoria Moreno. Sementadora de futuro Soto e Senín analizan a aportación da autora ao mundo da literatura infanto-xuvenil, dentro dun contexto de precariedade, que comeza a mudar a partir de 1950, coa creación de Galaxia . Ese "agromar difícil", en palabras do entrañable Agustín Fernández Paz, foi mudando, entre outras razóns, pola aparición dos movementos de renovación pedagóxica e de persoeiros como Victoria Moreno, que comezara con narrativa para adultos, e que todos recoñecen como pioneira dun mundo de éxitos para a literatura en lingua galega.

Desde logo, este estudo vai permitir a moitos profesores dos alumnos máis novos contar cun material de apoio moi eficaz para explicar de xeito rigoroso a literatura desta apaixonada das aulas, a esta docente que deixou unha gran pegada entre os compañeiros e discípulos -algúns tan sinalados como Rábade Paredes-. E, sen dúbida, vai permitir ao común dos lectores que se acheguen a unha figura entusiasta, progresista, cunha fe inviolable na beleza da palabra. Vai permitir tamén que saiban que non lle gustaba a moralina no discurso literario, que amaba a limpeza , os cans, o amor? É unha obra escrita para o lector medio desde a admiración de quen coñeceu á autora e complementa o libro de Marilar Alexandre e Fina Casalderrey, publicado na colección "Merlín" de Xerais, dirixido a un público máis novo.

SOTO, Isabel/SENÍN, Xavier, María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats