Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sinais de identidade

No Ecomuseo de Barroso, Montalegre

O Parque Natural Peneda-Gerês é un territorio de pedra, de natureza e de auga que garda a súa beleza antiga e, con el, os costumes centenarios dun pobo. A cincuenta quilómetros de Braga, Montalegre é un dos concellos que enmarca esta xeografía portuguesa, declarada Patrimonio da Biosfera pola Unesco. As cimas agrestes deste municipio do Nordeste transmontano teñen un importante oco no espazo protexido, que ocupa unha superficie de máis de mil quilómetros cadrados. E co fin de salvagardar e proxectar o patrimonio único de Barroso -subrexión compartida por Montalegre e Boticas-, desde 2002 existe un singular museo do territorio que preserva a memoria colectiva.

Barroso -800 quilómetros de área corresponden a Montalegre e 322 a Boticas- é un santuario de cultura popular onde hai fragas, patrimonio, fumeiro á brasa, vitela barrosã e pan cocido no forno de leña. Como se di na zona: "o que recebemos de herança temos obrigação de deixar igual ou melhor?", por iso había que crear un proxecto que abrazase tradicións, cultura, aldeas e persoas, os verdadeiros axentes de desenvolvemento local. Coa consciencia desa necesidade, o Ecomuseo de Barroso representa a identidade dun pobo nun espazo xeográfico ben definido, con núcleos en varias parroquias de ambos os municipios.

A sede do Ecomuseo está instalada á beira do castelo de Montalegre, co nome de "Espaço Pai Fontes", un dos maiores embaixadores da rexión de Barroso. É un centro de interpretación onde o visitante toma contacto coas diferentes realidades que integran a zona. Ademais da colección visitable -con documentos, maquetas, traxes?- e das exposicións temporais, existe unha horta pedagóxica que fai as delicias de todos.

Outra das localizacións deste museo do territorio está en Pitões dás Júnias, onde séculos atrás un grupo de monxes se instalou nun remanso de paz cheo de beleza, cruzado por un regato que máis adiante se precipita en fervenza. Pitões é a poboación máis alta de Barroso -1.100 metros-, aldea antiga e comunitaria onde asentou o primeiro núcleo do ecomuseo, na Corte do Boi. Aquí pode saberse moito máis de costumes e modos de vida, a través de seccións como o pastoreo en réxime extensivo, a vezeira, os tecidos, os abrigos de pastores, a agricultura de montaña ou o patrimonio etnográfico. Esta aldea serrana garda testemuños, como o forno e o muíño, que falan dun comunitarismo ancestral aínda vixente.

Cada núcleo aborda unha vertente específica da cultura e vivencias barrosãs e é unha porta aberta á súa identidade. Na parroquia de Salto está outra das sedes, a Casa do Capitão, nunha antiga edificación señorial que pertenceu a un representante do poder local. Aquí están inventariadas máis de mil pezas doadas polos propios habitantes. Os temas tratados van desde a raza autóctona barrosã aos apeiros ou maquinaria agrícola, pasando polo ciclo do liño ou o do pan, entre outros. Tamén se mostra a cociña local e como sería a casa típica da época.

Nunha das aldeas mellor conservadas de Montalegre, Tourém, alóxase o Centro Interpretativo da Avifauna da Região, reconstruído na que foi antiga corte do boi. De aquí parten diversas rutas de natureza.

Na parroquia de Salto localízase outro museo, o dedicado ás minas de wolframio da aldea de Borralha. Foi o principal centro mineiro de Portugal de explotación deste mineral e comezou a súa actividade en 1902 ata o seu cesamento en 1986. Converteuse nunha auténtica cidade capaz de albergar a máis de cinco mil persoas. No poboado había todo o necesario para a comunidade: escolas, G. N. R., correos, médicos, comercio, oficinas, cantina, cinema?

O castelo inexpugnable

  • Coroando un outeiro, aparece a edificación máis altaneira do concello de Montalegre: o castelo inalterable ao paso do tempo. Construído sobre a rocha, foron moitos os achados arqueolóxicos que revelan a súa importancia militar desde hai séculos. Romanos, suevos ou visigodos atopaban aquí un punto de vixilancia e defensa inexpugnable. A fortaleza é visita obrigada neste concello que conta con outros núcleos do ambicioso proxecto do ecomuseo de Barroso. Vilar de Perdizes é famosa polos seus congresos de medicina popular, e nesta parroquia atópase a Casa do Lavrador, reflexo dunha vivenda tradicional habitada por un barrosão que traballaba día e noite. Outra aldea, a de Paredes do Río, ofrece unha visita ao pasado coa ruta dos artesáns que, nas súas casas, mostran os lugares de labor e os seus saberes. Un dos emblemas da localidade é o enxeño hidráulico de máis de douscentos anos que segue a funcionar. Compila o uso de muíño, dinamo, serra e batán. Hai forno comunitario, decenas de eiras e hórreos e sete muíños. Outras sedes están en Boticas, co seu Museo Rural, situado nunha casa señorial. O espazo vai moito máis alá porque o visitante decide, a través de realidade virtual, cales son os territorios que quere coñecer no ámbito xeográfico do ecomuseo e saber da súa gastronomía, costumes e tradicións.

Compartir el artículo

stats