Familiares e amigos do menor de 15 anos de idade que faleceu pouco despois de ser atropelado á saída dunha discoteca en Redondela (Pontevedra) convocaron para este sábado unha marcha solidaria en recordo do rapaz e para pedir os xuíces "que non deixen libres" aos condutores que cometen infraccións graves e son reincidentes.

Segundo explicou en declaracións a Europa Press o pai do falecido, Carlos Matilde, a marcha partirá ás 17.00 horas da porta da discoteca, na Avenida Mendiño, e concluirá na igrexa de Cesantes, no municipio de Redondela.

Recordou que o rapaz que atropelou ao menor, José Antonio D.D., de 19 anos de idade, cuadriplicaba a taxa de alcohol permitida para un condutor novel, e que xa nunha ocasión anterior se lle retirara o carné. "Este ano volvéronllo dar e, despois do atropelo mortal, non entendemos como está libre", engadiu Carlos Matilde.

O accidente tivo lugar na madrugada do pasado 28 de novembro ás portas dunha discoteca de Redondela, onde o condutor arrastrou o menor e o condutor se deu á fuga, aínda que foi posteriormente localizado e detido pola Policía. Mentres, o rapaz atropelado foi trasladado ao Hospital Xeral de Vigo, onde ingresou en estado de coma e faleceu horas despois.

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Redondela tomou declaración a José Antonio D.D. e decretou a súa posta en liberdade provisional con cargos, ademais de retirarlle o permiso de conducir e intervirlle o vehículo.