Entrevista | Ticiana Ghiglione Darriba Artista multidisplinar

“Na miña familia, o que non é artista é o raro”

A condición humana é o fío condutor de “Non apartes a mirada do espello”, libro de relatos que onte presentou en Vigo

Ticiana Ghiglione, onte na presentacióndo seu libro.

Ticiana Ghiglione, onte na presentacióndo seu libro. / JOSÉ LORES

M. González

M. González

“Non apartes a mirada do espello” é o primeiro libro de relatos de Ticiana Ghiglione Darriba (Bos Aires, 1982), artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes pola Facultade Pontevedra e que vive en Galicia dende 1992. En 2018 publicou o libro “Dinamitadas, el despertar de la ironía”, unha compilación de viñetas de Dina Mita, que conta con dous prólogos: un de Xaquín Marín e outro de Xesús Alonso Montero.

En Vigo foi presentada pola escritora, xornalista e prologuista desta obra María Xosé Porteiro. No acto, celebrado na sede da Asociación Évame Oroza, estivo acompañada tamén polo músico Óscar Lope e pola poeta Adri de Vargas.

–Presentou en Vigo “Non apartes a mirada do espello”. Fáleme del.

–É un libro bilingüe, escrito en galego e en castelán, e está ilustrado con fotografías da Mariña Lucense, porque é onde vivo agora e xurde como un xogo. Eu son unha artista multidisciplinar, pero a escrita sempre me interesou.

–E de onde sae o xogo que deu pé ó libro?

–Hai dous anos, que foi cando empecei a escribilos, a miña nai e maila miña irmá facían reunións por Skype (a miña irmá está en Arxentina) para corrixir uns contos da miña irmá que vai publicar proximamente tamén. Participando desas conversas entre elas empecei a pedirlle á miña nai que me dera detonadores, disparadores, para escribir, que eran lugar, obxecto e personaxe. Con iso empecei a facer estes contos. Saíron de aí unha morea.

Ticiana Ghiglione, xunto a María Xosé Porterio, onte na Asociación Évame Oroza.

Ticiana Ghiglione, xunto a María Xosé Porterio, onte na Asociación Évame Oroza. / José Lores

–Ten máis dos dez do libro?

–Teño para dous ou tres libros máis. E para escribir tamén, van xurdindo novas ideas. Teño tamén unha novela a medio escribir.

–Ten algún autor de referencia?

–Referentes temos todos. Conscientes, non moitos, pero a verdade é que cando lin “Bestiario” de Julio Cortázar namoreime dos seus relatos. Pero non son una réplica, simplemente que inconscientemente hai algunha referencia. Ademais, eu son arxentina e alí o relato ten unha valoración diferente á que ten aquí, e agardo que co tempo se valoren máis. Tamén me lían contos de Horacio Quiroga e gústanme os relatos de Mariana Enríquez, pero insisto que son referencias moi inconscientes.

–Algunha pegada da súa nai, Luz Darriba?

–Obviamente hai influencia tamén da miña nai. Ela ten publicadas novelas, pero tamén escribe contos. Pero non só da miña nai, o meu pai tamén é artista. Na miña familia, en xeral, o que non é artista é o raro. Neste caso, non son a ovella negra.

–Leron a súa nai ou irmá os relatos antes de publicalos?

–Si, claro. De feito animeime a publicalos porque comecei a lerllos a elas e gustáronlle moito. Foron as miñas primeiras lectoras.

–Que fío teñen os relatos elixidos para “Non apartes a mirada do espello” ?

–Podería ser a condición humana, o que somos capaces de chegar a facer ou de ser os humanos. Son inquietantes todos eles. Os personaxes son bastante variados, todos diferentes, incluso nalgún relato o protagonista é un animal, e o que teñen en común é iso: as cousas que os seres humanos podemos chegar a facer en circunstancias ou situacións non boas.

–María Xosé Porteiro fala no seu prólogo do libro dunha “cosquilla infernal”.

–É o mellor prólogo que me puido facer ninguén do libro. O que escribiu é como si mo sacara da cabeza, é exactamente a lectura que eu fago do libro.

–E por que ese título?

–É un xogo, xustamente, co que falaba da temática. Como dicíndolle ó lector e á lectora: “Non deixes de mirar para ti, porque isto que ves noutros personaxes que cres que están moi lonxe de ti, se cadra non o están tanto. Se cadra ó mellor ti, en determinadas circunstancias, tamén poderías chegar a facer algunha cousa destas”.

Practico a ironía tódolos días, ata comigo mesma, é algo moi natural para min.

–A ironía é outra das características do libro?

–É a miña forma de falar e de actuar sempre. Téñoo tan asumido que moitas veces non me dou nin conta. Para min é facilísimo pero é que eu practico a ironía tódolos días, ata comigo mesma, é algo moi natural para min.

–Gústalle o contacto cos lectores, saber que pensan da súa obra?

–Eu son moi peculiar porque son bastante antisocial. Non me gusta moito a xente e síntome moi incómoda e nerviosa porque, obviamente, te estás expoñendo: o meu traballo, para min, son eu; pero por outra banda dáme moito gusto ver como responde a xente logo de ler o libro. Iso é moi estimulante e dáche gañas de seguir.

Cartel do anuncio da presentación de "Non apartes a mirada do espello".

Cartel do anuncio da presentación de "Non apartes a mirada do espello". / Cedida

–Xa traballa no seguinte?

–Vou aproveitar o verán para corrixir e maquetar o próximo libro, a ver se podo sacalo en decembro. De feito, teño a idea de facer unha serie de libros de relatos, que teñan relación uns con outros.

–Por que esa idea de facelo bilingüe?

–Vai o conto en castelán, a ilustración dese conto e, a continuación, o mesmo conto en galego. Estamos en Galicia e entendo que é a lingua que hai que utilizar, pero emprego o castelán tamén coa idea de chegar a máis xente. Que estea nas dúas linguas é unha forma de ampliar o público.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS