O cinema do futuro latexa no Festival de Cans

Nas curtas gañadoras, vese cinema-danza ou animación innovadora

Na temática, a droga, o mobbing, a rivalidade entre mulleres e a relación pai-fillo coas súas dificultades

Fotograma de "Aquarium".

Fotograma de "Aquarium". / M.M.

Mar Mato

Mar Mato

“O frío”, a curtametraxe que máis premios levou no Festival de Cans –premio do xurado; mellor curta de ficción e mellor director– presenta unha historia real e especial coas drogas e a difícil relación entre pai e fillo.

O realizador marinense Pablo Dopazo explica que empezou a pensar nesta curta no final da pandemia: “Eu traballo no Mercado de Abastos de Pontevedra. Alí, teño un compañeiro que se chama Chema. Decidín escribir unha historia dun pai ao que lle desaparece un fillo que ten problemas coas drogas. Cando llo din a ler, comentoume que esa era parte da súa historia persoal. O seu fillo estivo perdido por Perú, contrataron un detective e cinco anos despois volveu á casa moi mal”.

Os protagonistas de "O frío", dirixida por Pablo Dopazo.

Os protagonistas de "O frío", dirixida por Pablo Dopazo. / P.D.

Drama familiar coas drogas

Ademais de Chema, actúa na curta –rodada en Poio, Mourente e a praza de Pontevedra– Dani, que mora en Vigo. “El estivo nuns centros uns meses e ao saír tanto el como Chema reinterpretáronse a si mesmos. Fixémolo todo sen axuda (sen apoio de administracións; mesmo varios festivais rexeitaron esta peza que si se viu no Festival de Málaga), con poucos medios pero con moita vontade”, engade Dopazo.

O director aclara unha cuestión. “Dani non é drogadicto; ten problemas coas drogas. Eu vivo en Marín e intentei amosar a realidade. Hai xente de clase traballadora cun drama familiar así. É algo cotiá. Eu tamén teño un familiar con ese problema”, recoñece un director autodidacta que vén de asinar a súa primeira obra audiovisual. No seu caso, ía para profesor de instituto tras estudar Hispánicas.

Paula Quintas, coreógrafa e protagonista en "Aquarium", de Margherita Morello.

Paula Quintas, coreógrafa e protagonista en "Aquarium", de Margherita Morello. / M.M.

“O frío” evidencia que a última edición de Cans nos deixou co corazón encollido e cos ollos abraiados. A nivel formal, unha obra que chamou moito a atención e que se fixo co premio do xurado dos veciños foi “Aquarium”, dirixida por Margherita Morello, italiana con fogar en Vigo que chegou a Galicia hai 22 anos de Erasmus.

A danza, linguaxe audiovisual

Como Dopazo, Margherita empezou sen formación académica no audiovisual. “Cheguei –explica a cineasta– por casualidade. Estaba en Santiago de Erasmus, había folgas pola LOU e non iamos á clase. Pintaba e ofrecinme a locais para facerlles murais. Nun, o dono pasoume o contacto dun realizador que buscaba alguén para o storyboard dun filme. A partir de aí empecei a meterme no audiovisual” e agora prepara a súa primeira longa.

Margherita Morello, na rodaxe.

Margherita Morello, na rodaxe. / Ramón Yoshimura

“Aquarium” lévanos ao futuro, a unha firma de deseño de moda na que unha moza sofre as envexas das compañeiras de traballo. A historia preséntase con coreografías ás veces. “A experimentación lévoa facendo bastantes anos, desde o 2009 con Paula Quintas, coreógrafa e protagonista da curta. Levamos un tempo explorando a vídeo-danza, para ir máis alá e decidimos pasar ao cine-danza. Buscamos que a danza sexa unha linguaxe máis no audiovisual para transmitir emocións”.

"É necesario ”falar da rivalidade entre mulleres

Margherita Morello

— Cineasta

Respecto á temática, Morello defende que é necesario ”falar da rivalidade entre mulleres.Obstaculízanos á hora de ter máis igualdade. O importante é estar unidas”.

A curta tamén convida a reflexionar sobre a nosa relación co traballo e como nos pode –ao igual que amosaba “Metrópole”– “reducirnos a ser máquinas sen emocións”.

Innovación artística na animación

A innovación é a bandeira do artista Borja Santomé, de Nigrán. “Alguén me chamou serpe negra” gañou o premio á mellor animación. “Esta curta –na que fixo todo mesmo a música– está dentro dunha liña pola que os meus últimos tres traballos xiran ao redor da idea da viaxe. Presentan escenas oníricas inspiradas na miña vida. A idea é estar entre a cidade e a costa. Son traballos moi sensoriais sen historia liñal”, explica Santomé.

"Alguén me chamou serpe negra", de Borja Santomé.

"Alguén me chamou serpe negra", de Borja Santomé. / B.S.

A súa animación non é figurativa, vira máis á abstracción. “Sobre todo pintei sobre unha lámina de acetato no que a pintura non queda pegada polo que cun trapo húmidos podes borrar e volver pintar. Teño unha cámara de fotos e vou sacando fotos deses debuxos que vou modificando para na montaxe dar sensación de movemento”, explica.

Borja Santomé.

Borja Santomé. / B.S.

En canto ao título, o artista –que traballa e reside en Francia– di que é unha frase que unha vez lle veu á cabeza e lle deixou “inquietude. Eu véxoo como unha tolemia que temos dentro”.

Bullying na escola con esperpento

Se o drama mandou no festival este ano unha vez máis, houbo pezas como “Betas” –premio do público– que optaron pola comedia inda que o trasfondo sexa serio: a dificultade da relación entre pai e fillo; máis o bullying. A curta, do director Alberto Senín, de A Coruña, preséntanos a un pai que vai recoller o seu fillo ao colexio onde un compañeiro de clase se mete con el.

“Os betas veñen sendo os perdedores, todo o contrario dos alfas. O pai é un inmaduro que non está preparado para a relación cos adultos pero tampouco co seu fillo”, sinala Senín, que traballa na realización dos telexornais da TVG.

Os dous protagonistas de "Betas", de Alberto Senín.

Os dous protagonistas de "Betas", de Alberto Senín. / A.S.

“Creo que todos os temas se poden tratar con delicadeza. Pode facerse humor de todo. Eu vin compañeiros que sufrían bullying, pensando que o próximo sería eu. Estou moi concienciado con ese tema. Porén nesta curta o importante é o achegamento que busca o pai co fillo. É un pai ausente –está divorciado– co que case non ten relación. Nesta historia, vanse achegando e coñecendo”, detalla.

A historia do perdedor chega a un punto no que pode cambiar cando o matón do colexio ten un accidente. A reacción do neno e do pai levará a aventura ao disparate ata unha decisión de peso no final.

“Escribo con Martín DeSoto, un compañeiro, porque queremos contar historias con humor negro. Decidín facer esta curta un día que escoitei como unha nai lle deu unha labazada a un neno que mallara no seu fillo. Non sei como reaccionaría.Pensei que faría eu no seu lugar, darlle un susto ao rapaz maltratador. Así fixemos unha comedia negra, con esperpento”, engade.

No éxito da peza, tivo moito que ver o elenco. Vicente Mohedano é actor profesional pero o resto son afeccionados. A actriz que fai de nai, Luisa Treviño, logrou que o seu sobriño Xoel Pol participara e xunto con el o seu amigo Abel Pardal que bordaron a actuación e a rodaxe.

O equipo de "Betas" na rodaxe.

O equipo de "Betas", co seu Can do festival. / A.S.

Tex

Suscríbete para seguir leyendo