A canguesa Vanesa Sotelo e o ourensán Tito Asorey, a polo premio Max

Aspiran ao galardón á mellor adaptación nos Goya do teatro español con “Unha inimiga do pobo”

Obra 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro

Obra 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro / Talía

Mar Mato

Mar Mato

O teatro galego e en galego vén de anotar un novo triunfo ao lograr os dramaturgos Tito Asorey e Vanesa Sotelo ser finalistas dos Premios Max de Artes Escénicas, os Goya das táboas españolas. O seu traballo en conxunto no texto “Unha inimiga do pobo” compite por lograr o galardón á mellor adaptación. O 1 de xullo saberán se gañan nunha gala en Tenerife.

Tanto para Asorey como para Sotelo é a primeira vez que están ás portas de lograr o Max. Ambos os dous sinalaban onte a este diario que seren finalistas supoñía xa en si mesmo levar “premio”.

Traer a Galicia a distinción non vai estar doado. Aspiran ao galardón Ana López Segovia por “Las bingueras de Eurípides” e Fernanda Orazi por “Electra”.

'Unha inimiga do pobo' de Talía Teatro.

'Unha inimiga do pobo' de Talía Teatro. / Talía

A gaditana Ana López xa gañara no 2020 o Max ao mellor espectáculo revelación coa súa compañía “Las Niñas de Cádiz” con “El viento es salvaje”. A autora, ademais, dirixiu a última ceremonia dos Max. Pola súa parte, Fernanda Orazi –premio Godot á mellor dirección no 2023– compite cun clásico de Sófocles para La Abadía.

Ao seu favor, Sotelo e Asorey defenden unha peza teatral posta en escena con Talía Teatro que arrasou nos últimos María Casares ao lograr sete galardóns.

Vanesa Sotelo.

Vanesa Sotelo. / Andrés Seara

É un motivo de orgullo ser finalistas. Vai seguir dando visibilidade a nivel estatal a un proxecto que nos foi dando moitas alegrías e que tivo moi boa acollida por parte do público. Agora está en stand-by e agardamos que teña unha segunda vida”, explicaba Vanesa Sotelo.

Talía Teatro convidou a Tito Asorey por primeira vez a traballar con eles despois da pandemia para un espectáculo de gran formato. “Pensaron nun clásico, en Henrik Ibsen, pola actualidade do autor e do texto que lamentablemente segue vixente para facer unha adaptación á realidade galega. Ao materializalo, convidáronme a participar na dramaturxia”, engade a autora.

Tito Asorey.

Tito Asorey. / Marc Varez

A peza sitúa á audiencia na arela dunha doutora embarazada que quere crear na súa vila de orixe un balneaario pero as augas da zona aparecen contaminadas.Na loita por sanealas, atopará os intereses económicos. No medio, a veciñanza que teme que a protesta da protagonista lles arruine o seu benestar.

“Hai 150 anos Ibsen presentaba esta historia que toca o turismo, a desinformación, o debate entre riqueza material e inmaterial, diñeiro e saúde. Ao final, unha maioría mal informada pode ser nociva, co se dubida da eficacia da democracia”, agrega Sotelo.

Pola súa parte, Tito Asorey sinalou sentirse “feliz” polo recoñecemento da peza. “Talía apostou ao grande por este espectáculo, por un teatro comprometido coa realidade. A obra, inda que é do século XIX, fala do noso tempo. Estamos vendo que hai movementos para instalar o proxecto de Altri [celulosa xusnto ao Ulla que desemboca na ría de Arousa] prometendo beneficio para unha zona á que lle destruirán o futuro. A obra fala tamén das fake news, de como a prensa pode estar pagada por uns intereses determinados”, sinala Asorey quen destaca que unha obra en galego sexa finalista nos Max. “En galego pódese chegar. Temos moitos exemplos no cinema, na literatura e no teatro”, zanxa.