O Álbum de Galicia engade as entradas de Johan de Cangas, Martín Codax e Meendinho

Entran na colección dixital de biografías do CCG da man de Arias Freixedo

REDACCIÓN

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora as entradas dos trobadores Johan de Cangas, Martín Codax e Meendinho, que desenvolveron a súa actividade artística na área suroccidental de Galicia durante o período medieval, da man de Xosé Bieito Arias Freixedo.

Johan de Cangas (O Morrazo, - ss. XIII-XIV), cuxo nome fai referencia á vila da península do Morrazo de onde seguramente era natural, foi un xograr e compositor que desenvolveu a súa actividade na contorna da ría Vigo. A obra que del se conserva está composta por tres cantigas pertencentes á modalidade de santuario ou de romaría. Trátase de En San Momed’, u sabedes, Fui eu, madr’, a San Momed’u me cuidei e Amigo, se mi gran ben queredes, nas que o tema común é “a cita dos namorados no espazo da ermida de San Mamede”, explica Arias Freixedo.

Da vida de Martín Codax tampouco se coñecen datos certeiros, aínda que “a repetida alusión a Vigo nas súas composicións sitúao na área suroccidental de Galicia, onde probabelmente desenvolveu a súa actividade poética no terceiro cuartel do século XIII”.

Cultivou a modalidade das cantigas de santuario ou romaría. Ondas do mar de Vigo, Mandad’ei comigo, Mia irmana fremosa, treides comigo, Ai Deus, se sab’ora o meu amigo, Quantas sabedes amar amigo, Eno sagrado, en Vigo e mais Ai ondas que eu vin veer son as sete obras poéticas asinadas por Martín Codax.

A ría de Vigo foi tamén o escenario no que Meendinho (Pontevedra, ss. XIII-XIV) desenvolveu a súa actividade artística. Malia que del só se conserva a composición Sedia-m’eu na ermida de San Simion, esta “é unha das máis divulgadas e coñecidas cantigas da poesía medieval galega”, afirma Bieito Arias.