Os versos en galego de Lúa Mosquetera enfilan cara Madrid e Bilbao

A poeta arranca a xira do seu novo espectáculo poético musical en Vigo e recala mañá en Compostela

Lúa Mosquetera, coa saia de Nicanora para a súa xira actual.

Lúa Mosquetera, coa saia de Nicanora para a súa xira actual. / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Hai algo na poesía de Lúa Mosquetera que, ao escoitala ou lela, faiche baixar polo túnel da Alicia de Lewis Carroll e toparte de fuciños co mundo real pero dende cristais de cores máis ou menos escuros que te paralizan para facer pensar. Sen dúbida é unha das autoras máis interesantes da poesía galega contemporánea.

A artista de Miño (A Coruña) elixiu Vigo –onte– para o inicio da xira por teatros que a levará a Compostela mañá sábado, no Auditorio Abanca; e posteriormente por Bilbao e Madrid (onde tamén recitará en galego). “Temos recitado en galego na capital española e a resposta foi boísima”, defende.

Lúa Mosquetera sae de xira co seu último poemario.

Lúa Mosquetera sae de xira co seu último poemario. / L.M.

O tour presenta o seu último espectáculo poético-musical que leva o mesmo nome do seu último poemario: “El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo”.

Para Lúa Mosquetera, “a poesía escénica, dende que empecei a publicar, sempre estivo comigo. Descubrina por casualidade. Cando no 2018 publiquei o meu primeiro poemario, convidáronme a un recital conxunto, a min, non me chamaba moito. En principio, parecíame aburrido pero decateime de que, fóra dos prexuízos que eu tiña, había un público que si disfrutaba moito deles”.

Foi esa reflexión a que a levou a pensar que esa posta en escena “é unha boa oportunidade para que a xente se achegue ao xénero da poesía. Despois descubrín o Poetry Slam de Compostela e o spoken word, este último a medio camiño entre o recitado e o rap”.

Foi a produtora de Santi Rababiero a que se fixou na capacidade e magnetismo artístico de Mosquetera para convidala a preparar un espectáculo novo. “Déronme moitísima liberdade”, resalta a creadora. “Díxenlles que me encantaría recitar en teatros, que son o escenario ideal xa que a xente pode estar sentada con todo o foco posto na palabra”, resume.

Desta volta, acompáñaa Pablo Seijas –oukelele, guitarra e piano– quen preparou música para cada un dos poemas do recital.

Os dous percorren o libro “El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo” –cuxa faísca saltou ao escoitar o latexo da súa segunda sobriña na barriga da súa irmá– no que a temática da morte da súa nai tamén está presente, así como o feminismo, a autoestima artística e a precariedade das creadoras e creadores.

Lúa Mosquetera, poeta, bordadora.

Lúa Mosquetera, poeta, bordadora. / L.M.

Non só se debullan poemas da última obra senón tamén de libros anteriores como o famoso “Enterro da sardiña” de “Espiderman” inda que non coa música que escoitamos no Spotify “senón cunha adaptación para piano”, aclara Mosquetera.

A creadora, que recoñece sentir “pánico” antes de saír ao palco, explica que “hai unha parte de min que sente que debo facelo. Sería máis cómodo non actuar pero experimento unha conexión moi especial coa xente que escoita, algunha precisa escoitar o que eu digo para entenderse, para sentirse mellor...”.

A palabra non aparece núa: cen tulipáns rosas e vermellos frescos e vidos de Holanda acompañan, ademais dunha escenografía de Alba Piu e a vestimenta exclusiva de Zeltia (a súa irmá) e Adrián Gómez forman a marca Nicanora. Unha peza espectacular é a saia de centos de lazos feitos e cosidos a man.