"Tratamos demasiado bien a las mujeres": Humor surrealista para lembrar a Guerra Civil

Chega aos cinemas a película galega, galardoada no Festival de Málaga, con Cris Iglesias e Iván Marcos no elenco

Iván Marcos e Cris Iglesias, na estafeta de correos de “Tratamos demasiado bien a las mujeres”.

Iván Marcos e Cris Iglesias, na estafeta de correos de “Tratamos demasiado bien a las mujeres”. / Ficción

Mar Mato

Mar Mato

O cinema galego segue a traballar para expandirse máis alá de Galicia mesmo con superproducións. É o caso de “Tratamos demasiado bien a las mujeres”, unha comedia aceda e surrealista -con guion do cineasta buenense Miguel Barros- que lembra os maquis do Val de Arán nos anos posteriores á Guerra Civil. A longametraxe, que no Festival de Málaga logrou o Premio Asecan Ópera Prima pola dirección de Clara Bilbao, conta con Carmen Machi, Antonio de la Torre e Luis Tosar no elenco pero tamén cos actores galegos Diego Anido, Cris Iglesias e Iván Marcos.

O filme comeza para lembrar que no ano 1944 miles de guerrilleiros antifacistas de Europa intentaron conquistar o Val de Arán pero esta acción militar acabou nun fiasco. A película fíxase nun dos grupos que chega a un pobo para ocupar a súa oficina de correos. Alí, proba o seu vestido nupcial Remedios. Pola súa parte, Aurora (Cris Iglesias) traballa en Correos mentres Iván Marcos fai de carteiro. De súpeto, chegan os maquis que se debatirán entre quedar alí e combater ou marchar ao exilio.

A directora Clara Bilbao con De la Torre, na rodaxe de "Tratamos demasiado bien a las mujeres".

A directora Clara Bilbao con De la Torre, na rodaxe de "Tratamos demasiado bien a las mujeres". / Ficción

“Este é un proxecto con miras a ao mercado nacional e internacional pero que parte dunha produtora galega. Eu fixen a proba do casting, colléronme e empecei na rodaxe con moita ilusión”, sinala Iglesias.

Un guion cun humor diferente

A actriz (que facía de ‘charlina’ en “Fariña” e que tamén actuou na versión teatral) engade que “o que me atraía do guion é que estamos afeitas a ver películas da Guerra Civil pero aquí había unha volta de rosca cun humor negro diferente. Facíame ilusión facer algo tan grande dende aquí cun elenco tan potente. Foi unha aprendizase enorme, un agasallo a nivel profesional”.

No caso de Iván Marcos (“Jaguar”, “Matalobos”), “encantoume o guion. Lembroume a José Luis Cuerda por este humor tan peculiar, tan surrealista ás veces. Agora nestes tempos nos que moitos guions se escriben a varias mans resulta complicado ver o autor detrás e aquí queda moi claro e ten moita personalidade”.

Viña de facer papeis de agresivo así que facer aquí de paiaso é un pracer

Iván Marcos

— Actor

Marcos agradeceu o papel que lle caeu nas mans, Canguelo, o coitado carteiro do pobo: “Viña de facer uns cantos papeis sendo agresivo e violento coa pistola na man, así que facer o paiaso con este personaxe que se asusta cando pasa unha mosca é un pracer”.

A preparación dos roles: pensar nun cociñeiro e ver como era a sociedade dos anos 40

“Para preparalo, fixen unha mestura de varias persoas. Por un lado, dun cociñeiro bastante famoso cuns tempos moi peculiares e unha reacción peculiar ante as cousas, tomándose moito tempo, indo sempre un pouco por detrás do resto dos elementos; e por outro, un personaxe dunha serie de debuxos animados inglesa”, engade.

Pola súa parte, Cris Iglesias dá vida a unha moza moi recatada que é tomada como refén polos maquis. “Nos personaxes –sinala– sempre pos moito de ti, márcalos co teu carácter e coa túa enerxía. Esta película é de época e nos anos 40 marcaban moito o carácter das mulleres. Era unha forma de ser na que había que encaixar para sobrevivir. Eu penso que Aurora non é consciente do contexto político, intenta que todo estea ben constantemente que é o que intentamos as mulleres pasen os anos que pasen. Cos proxectos de época apendes como se manexaban as persoas nun contexto sociopolítico moi determinado”.

Cris Iglesias e Carmen Machi, na rodaxe.

Cris Iglesias e Carmen Machi, na rodaxe. / Ficción

Rodada en Galicia

Respecto ao contexto histórico, apunta Iglesias que o filme “amosa as dúas realidades dun país no que vivimos. Creo que para coñecer o presente hai que coñecer o pasado. Todo o que mostre o contexto do pasado é benvido porque aprendemos, reflexionamos, con el”.

Sobre a rodaxe –que se desenvolveu en Galicia, na montaña lucense– opina Iván Marcos quen subliña que “a sensación de secuestro foi real. Estabamos todo o equipo nun espazo moi pequeno pasando moitas horas. A sensación de agobio deuse por si mesma”.

Anido, xunto a Machi en "Tratamos demasiado bien a las mujeres".

Anido, xunto a Machi en "Tratamos demasiado bien a las mujeres". / Ficción

Longametraxe coral con Carme Machi de protagonista

O actor galego recalca tamén que “é unha película moi coral coa protagonista, Carme Machi” ao tempo que destaca que a directora, Clara Bilbao, “tiña as cousas clarísimas. A pesar de que a comedia está presente por todas partes, nunha se empregou a palabra comedia na rodaxe. Quería ceñirse á situación dos personaxes para engulirnos polo drama. Non quería que caéramos no chiste fácil”.

En canto ao paso do filme polo Festival de Málaga, explica que o elenco completo acudiu ao convite. No seu caso, era a primeira vez que acudía ao certame. Para a actriz galega, trátase dunha iniciativa loable: “Respírase algo moi bonito. Gústame que as cidades fagan partícipes dos eventos culturais á xente. Este é un dos que se celebra no que máis participación de público hai”.