Cemento Musgo agroma coa súa orixinal fusión de música urbana e videoarte

O proxecto, formado por Sokram de Dios ke te Krew, o produtor Coio e o artista A.L. Crego, lanza o seu primeiro disco

Está integrado por 11 temas acompañados con cadansúa peza audiovisual

Sokram y A.L. Crego, nunha imaxe promocional

Como veñen sinalando os estudos científicos máis recentes, os mofos son moito máis importantes para os ecosistemas terrestres do que se adoita pensar. Non se entendería tampouco a explosión urbanística industrial (e posindustrial) sen a aparición do cemento no século XIX. Estes dous elementos, en apariencia modestos pero de tanta relevancia, fúndense no nome dun novo proxecto audiovisual con vocación de profundidade e experimentación. Cemento Musgo é a arriscada aposta do polifacético Sokram (MC en Dios ke te Crew), o produtor Coio e o artista visual A.L. Crego.

O tridente acaba de publicar o seu primeiro traballo, tamén Cemento Musgo, que eles definen como un "visu-álbum" conceptual composto por 11 temas acompañados por cadansúa videocreación, que se poden ver en Youtube. Son cancións que expanden os seus rizomas polo subsolo alternativo das músicas urbanas, do hip hop e do trap. Sobre "sons orgánicos e profundos subgraves", Sokram expón "mensaxes universais" sobre asuntos como o ecoloxismo, o colapso medioambiental, a alineación tecnolóxica ou as relacións humanas.

Música, letra e voz fúndense coas imaxes propostas por A.L. Crego, pioneiro do gif art e artista de prestixio internacional. Son os seus vídeos hipnóticos, que acaban de completar a inmersión no micro-universo creativo de Cemento Musgo.

O disco, con cancións como 'Mascarada', 'Green Go Home' ou 'Racha o lapiz', foi gravado, mesturado e masterizado por Mou, compañeiro de Sokram en Dios ke te Crew. Traballaron en Rapapoulo Estudio, de onde saíron tantos temas destes clásicos do hip hop galego, e publican co DKTC Sons, o selo discográfico da banda.

A presentación, que prometen como "realmente especial", será o 4 de maio na sala Malatesta de Santiago. Alí entregarán unha "representación performática da obra, conxugando música, voz, luz e videoproxeccións para dar vida á criatura". A estrea ao vivo de Cemeto Musgo servirá, ademais, para inaugurar 'Xénese Clube', unha serie de eventos enfocados na escena urbana e apadriñados polos propios Dios ke te Crew.