Entrevista | Sokram Integrante de Dios Ke Te Crew

“Nunca deixamos de dicir o que nos deu a gana, para iso está o rap”

O pioneiro grupo de hip hop galego inicia hoxe en Vigo a xira do seu 20 aniversario

De esquerda a dereita, Mou, 
Jamas, Sokram e Dj Murdock.

De esquerda a dereita, Mou, Jamas, Sokram e Dj Murdock. / Cedida

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Con High Paw e con Cibrán, de Boyanka Kostova, como artistas convidados, o emblemático grupo de hip hop galego Dios Ke Te Crew dará comezo hoxe en Vigo a xira do seu 20 aniversario nun directo no que prometen moita “enerxía” e algunha que outra sorpresa. A cita terá lugar a partir das 22.00 horas na sala Master Club e Sokram abre boca facendo un repaso pola evolución desta banda pioneira.

–Como foi a evolución do grupo ao longo destas dúas décadas?

–A verdade é que foi algo bastante orgánico. Comezamos nos anos 90, cando tan só eramos un rapaces, coincidindo coa chegada do bum do hip hop a Europa. Foi algo que nos pillou cando eramos adolescentes e, ao principio faciamos break, pero rapidamente vimos que iso era para atletas e non dabamos o perfil, así que empezamos a facer rap e grafiti. Comezamos a ensair con 15 anos, aproximadamente. Primeiro co grupo 5Talegos e logo, paralelamente, xurdiu Ghamberros. Da súa fusión naceu Dios Ke Te Crew en 2003 e os primeiros bolos e concertos derivaron en gravar un disco en 2006, Xénese. Dende aquela, foi todo para adiante dunha maneira moi orgánica, froito da nosa paixón e do que nos mola facer, e tamén como unha necesidade de expresión.

–Daquela, practicamente non existían grupos que fixeran rap en galego.

–Si, eramos os “raritos”. Daquela era bastante raro porque non había moita escena de rap ou hip hop. En toda Galicia, había un par de grupos na Coruña e en Vigo, un en Lugo, outro en Ourense, en Santiago e nós en Ordes. E xa que rapearan en galego, pois agás Hevi, de Malandrómeda, nós eramos os únicos que faciamos algo propio e en galego, non había ninguén máis. Logo, co paso do tempo, si que comezaron a xurdir novos grupos e propostas até a actualidade.

–Nos últimos anos estamos asistindo a un auxe da música urbana en galego, como valorades as novas propostas?

–Si, é certo que dende hai tempo nacen moitos grupos, MC e bandas que tocan distintos paus dentro do chamado xénero urbano e o que vemos é que hai unha escena activa con proxectos moi interesantes.

–Dáselle máis importancia ao propio?

–Si, hai un repunte no uso da música tradicional, ese link que enlaza certas pautas rítmicas do tradi, que encaixan xenial co trap ou cos ritmos a tresillos. Hai moitos artistas que empregan iso, como poden ser Boyanka Kostova ou Fillas de Casandra. Isto é algo interesante, pero tamén algo natural que tiña que suceder, se cadra ata cíclico, porque cada certo tempo hai un revival de certas liñas musicais, hai unha volta ao propio, como en proxectos como Baiuca. Está moi ben que isto suceda, que xere amor polo propio e, loxicamente, que un artista o pete fóra do país, sempre é positivo para o resto e para a cultura propia.

–Volvendo a Dios Ke Te Crew, sempre vos caracterizaron as letras reivindicativas, iso é algo que apenas mudou co paso do tempo.

–Non sei se é o que máis nos caracteriza, pero si que é certo que nunca deixamos de dicir o que nos deu a gana, para iso está o rap. En parte dos contidos hai un punto de vista crítico, pero tamén vai unido ao vacile e ao sentido de humor. Seguiremos dicindo o que nos dea a gana, porque para iso está a música e a arte, que son un medio de expresión, se non, non tería sentido seguir.

–Non é doado imaxinarse un concerto voso co público sentado, como afrontáchedes a pandemia?

–O certo é que non é o formato idóneo! Nós optamos por non facer concertos, malia que nun principio o valoramos porque tiñamos un disco recén sacado, pero finalmente fixemos como todo o mundo e tivemos que cancelar os bolos, porque estabamos xirando nese momento. Cando logo se comezou a abrir a man e había a posibilidade de dar concertos coa xente sentada, decidimos pasar e centrarnos e focalizar a enerxía e o tempo en sacar este EP, porque basicamente os nosos directos están baseados na enerxía, na intensidade e nesa comuñón entre o público e nós; se non pode haber contacto físico, se a xente non pode saltar e pasalo ben... para nós era un "quiero y no puedo", por iso centramos esforzos en producir e compoñer e fixemos ben, porque como dicía, non era o formato idóneo.

–Comezades a xira esta noite en Vigo, cales son as expectativas para este ano tan especial?

–Logo dos concertos en Vigo e na Coruña, que será o próximo 18 de marzo, procuraremos xirar todo o que poidamos, porque temos varios proxectos abertos, e tamén estaremos en diferentes festivais. Logo do verán saíremos de Galicia e a final de ano agardamos celebrar en Santiago unha festa especial con colegas que levan acompañándonos ao longo da nosa traxectoria nestes 20 anos. Queremos celebrar o aniversario por todo o alto.

Suscríbete para seguir leyendo