Adeus a un dos "bos e xenerosos"
Familiares, amigos e persoeiros da cultura e do galeguismo despediron o escritor e profesor Alfonso Álvarez Cáccamo nun acto civil que tivo lugar no cemiterio vigués de Pereiró
This browser does not support the video element.
O tanatorio de Pereiró de Vigo encheuse onte de familiares, amigos e persoeiros do eido da cultura e do galeguismo para despedir o insigne escritor, profesor e antigo colaborador de FARO DE VIGOAlfonso Álvarez Cáccamo, que finou o luns ós 71 anos de idade no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo debido a unha neumonía que o tivo case tres semanas ingresado. A súa compañeira, Suca Toba Girón, e os seus irmáns, Xosé María, Celso e Elena presidiron o acto civil na capela do tanatorio, previa a súa incineración.
Relacionadas
Ademais de familiares, como o seu curmán, o artista Darío Álvarez Basso, despediron a Álvarez Cáccamo xente do mundo da cultura como a escritora María Xosé Queizán e a cineasta Xisela Franco.
Tamén quixeron despedir ao escritor e ao profesor políticos do BNG como a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o deputado Luís Bará; Xabier Pérez Iglesias, portavoz municipal da devandita formación política en Vigo; e o que fora alcalde da cidade olívica, Lois Pérez Castrillo.
Condolencias en liña
Ademais dos que puideron homenaxear in situ ao autor de “As baleas de Eduardo Reinoso”, foron moitos os que utilizaron as redes sociais para o adeus. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou a “longa traxectoria literaria e numerosos galardóns” dun escritor e mestre que “deixa fonda pegada nos que tivemos a sorte de coñecelo”.
O que fora profesor no CPI Arquitecto Palacios de Panxón ata que se xubilou no ano 2011 recibiu a homenaxe na rede do Concello de Nigrán, que lembrou o antigo veciño como “unha persoa moi querida e coñecida no municipio por ter dado clases a diferentes xeracións de nigraneses”.
Tamén o Concello de Oia, no que viviu nos últimos tempos, tivo palabras para expresar o seu pesar polo pasamento de Alfonso Álvarez Cáccamo. “A súa traxectoria vital e profesional son un exemplo de dedicación, xenerosidade e paixón pola cultura”, expresou.
Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Manuel Bragado, Margarita Ledo, Alfonso Pato, Antón Mascato, Néstor Rego ou María Xosé Porteiro foron algunhas das persoas que expresaron as súas condolencias nas redes sociais, que tamén utilizaron para expresar o seu pesar institucións como a Real Academia Galega, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Fundación Carlos Casares, A Mesa pola Normalización Lingüística e as editoriais Xerais e Galaxia.
Irmán curmán Alfonso
Risas que peneiran risas,
risas que mergullan na area.
Ven o sol,
aquel sol de marea baixa
que bailaba nos ollos
que brilaba no vento.
Alfonso,
voan os biluricos cara a foz,
e ti escribes no aire
o circo da vida,
nunha paisaxe sen tempo.
Por Xavier Álvarez Blázquez
Temas
Más en Sociedad
-
Pierdomenico Baccalario, escritor: "Hay profesores excepcionales, pero la escuela genera personas con información mínima"
-
La tormenta solar más "extrema" en 20 años amenaza satélites, redes eléctricas y comunicaciones
-
La carta íntegra con la respuesta de Rosario Porto a Basterra desde la cárcel: "No sé cuánto aguantaré"
-
Ledicia Costas: “Son unha impostora, por iso son escritora, paso a vida disimulando”