Alfonso ou o compromiso do entusiasmo

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Alfonso Álvarez Cáccamo escribiu no libro d’ Os aforismos do riso futurista (Xerais 2016) que “o destino é un cabalo desbocado”. Sabía que por moito que galopemos no seu lombo, xamais lograremos domesticalo, o que non impediu que a súa vida enteira fose un modelo de compromiso coas causas do entusiasmo e coa construción dunha amplísima comunidade de afectos. Foi Alfonso o escritor galego da súa xeración que mellor soubo empregar o humor e a creación de mundos imaxinarios como estratexia narrativa. Ferramentas coas que construíu un coidado e excelente catálogo narrativo, con novelas tan logradas como As baleas de Eduardo Reinoso (Xerais 1990), premio Xerais; O bosque de Levas (Galaxia 2008), trasladada ao cine (2006) ou Os Gotten (Xerais 2014), retrato dunha familia viguesa, culta e emprendedora, onde todos os seus membros posúen a xenerosidade e o grato sentido do humor como marcas da historia común de varias xeracións. Catálogo que ampliou ao relato, con títulos como Catapulta (Xerais 1995) ou Contos mamíferos (Cumio 1998), onde combinou o exercicio da creatividade verbal co deseño audaz de personaxes esmedrellantes e festivos.

Enxeñoso, alegre, entrañable, Alfonso contaxiaba alí onde estivese empatía, fose na comunidade do Colexio de Panxón do Instituto Social da Mariña, onde exerceu como mestre durante máis de tres décadas, fose nas actividade dos Instituto de Estudos Miñoráns co que colaborou ou nas múltiples causas da nación e da esquerda nas que foi activista. Aprendeu o oficio de edición na oficina da editorial Castrelos, a carón do seu pai, o inesquecible Xosé María Álvarez Blázquez, do que foi o seu primeiro biógrafo (Ir Indo 1994) e de quen se ocupou con rigor documental extraordinario da súa Fotobiografía (Xerais 2008) e de quen traduciu para o galego dúas das súas novelas. Nas páxinas d’ A Nosa Terra e do Faro de Vigo publicou varios centos de artigos, seguindo a actualidade da súa “cidade da oliveira e do orballo”, comprometido coa defensa da lingua galega e do seu patrimonio. Exerceu a crítica literaria, deixando algunhas pezas memorables como aquela na que en febreiro de 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio e defendía con afouteza e gume afiado a poeta Xela Arias. Foi Alfonso tamén poeta, autor dun libro referencial, Sebes contra o vento (Espiral Maior 2009), e responsable do blog Pensamentos de Olafson Mokk (2012), prodixio de creación literaria e plástica, onde desenvolveu unha sorprendente obra gráfica, sen esquecer o seu interese pola escultura, como creador de pezas a partir das crebas da costa de Oia que tanto apreciaba. Hoxe choramos a súa perda con saudade. Con todos os abrazos para súa familia e comunidades de afectos que teceu.

bretemas@gmail.com

Suscríbete para seguir leyendo