“Ceibe”, unha peza de danza sobre o estereotipo machista do baile tradicional

A compañía Fran Sieira estrea espectáculo en Cangas cun elenco que inclúe a ‘tanxugueira’ Aida Tarrío

A compañía no Auditorio de Cangas.

A compañía no Auditorio de Cangas. / Julio Santos

Mar Mato

Mar Mato

Coa anterior obra da Fran Sieira Compañía de Danza, DeMente, foron finalistas dos premios Max, levando a peza por diversas comunidades e mesmo ao estranxeiro. Agora, o elenco de bailarinas e bailaríns –entre os que se atopa Aida Tarrío, de Tanxugueiras– buscan ofrecer máis alá a súa arte cun novo espectáculo, Ceibe, que estrean mañá sábado no Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas a partir das oito da tarde.

“A obra nace –explica Fran Sieira– como consecuencia dunha peza máis pequena que fixemos hai ano e medio e que estreamos en Vigo na que cuestionabamos os xeitos que caracterizaban a maneira de bailar do home e da muller no baile tradicional”.

"Ceibe".

"Ceibe". / Aigi Boga

Para profundizar no tema, optaron por investigar máis a fondo. En canto aos estereotipos no baile tradicional galego, explica Sieira, director da compañía, que “hai bailes nos que o único que executa o paso é o home. A muller simplemente fai un paso moi pequeniño de acompañamento. Sempre foi un baile moi machista no que o home levaba a voz cantante, guiaba, mentres ela era guiada. O estereotipo masculino é máis vigoroso, competitivo; e o da muller, máis doce e sensual. Pensamos que son estereotipos de xénero tradicionais que hai que romper. Hai que abrazar outras identidades de xénero que non se senten identificadas ou non entran dentro destes patróns tan marcados”.

Para conseguilo, a coreografía e posta en escena busca que a audiencia se fixe nos corpos e no movemento destes. “A escena empeza sen que o público lle poida ver a cara ao elenco. Esta estará enmarañada cunhas cordas que representan esta mochila cos estereotipos que nos cargan dende nenos e nenas sobre o que facer ou non”, sinala Fran Sieira.

Un dos momentos do espectáculo.

Un dos momentos do espectáculo. / Aigi Boga

Esas máscaras son iguais tanto para elas como para eles dentro dunha neutralidade, carente de xénero e cara unha liberación. A nivel coreográfico, comezarán na rixidez e na opresión sen liberdade de movemento para pasar a liberarse de capas procurando que o corpo sexa libre.

Nas cores sobre o palco, o vermello do sangue por algo visceral, que xoga co branco plasmado de xeito especial nunha longa trenza que pendura e que parece un cordón umbilical con vida.

O público atoparase na banda sonora con música tradicional e melodías de MounQup, adaptada para a peza con cancións de Carlos Quintá.

Tras Cangas, o espectáculo parará o día nove no Teatro Principal de Santiago de Compostela; o día 12 na Casa da Cultura de Milladoiro; o 26 de abril no Auditorio Municipal de Vilagarcía; o día despois, en Narón. Xa en maio, recalará en Lugo e no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.