Entrevista | Antón Reixa Poeta, músico

Antón Reixa: "Os señores da guerra estannos facendo tolerantes á barbarie"

“A poesía axuda a vivir nun mundo mellor”, defende o creador que actúa con Os Resentidos este martes en Vigo e presenta novo poemario, "2ª man"

Antón Reixa, en Compostela.

Antón Reixa, en Compostela. / Xoán Álvarez

Mar Mato

Mar Mato

Antón Reixa é un nome vinculado á arte e literatura de Galicia e por que non? á súa historia contemporánea. Co seu grupo Os Resentidos, actuará mañá día 5 de decembro na Sala Sinatra a partir das 21.00 horas. Será o único concerto deste ano por expreso desexo da banda. A actuación estaba prevista para finais de outubro pero tivo que ser adiada por doenza dun dos integrantes. Non só no eido musical hai novidade, Reixa dá para máis, vén de publicar “2ª man”, o seu novo poemario (Chan da Pólvora) onde ratifica que outro xeito de facer poesía contemporánea é posible.

–O que o move a crear poesía foi mudando ao longo da sua vida?

–Eu diría que segue o mesmo impulso. Todo o que aprendín esteticamente na poesía é o legado do grupo Rompente, que deixou de estar activo no 1983. É unha estética baseada moito no contraste, na perplexidade e na sátira.

–De verdade pensa que a poesía é “chatarra verbal” que todo é de segunda man?

–Todo está escrito é un pensamento que un poeta humilde debe manter. Non debe crerse o inventor de nada. Cando falo de chatarra verbal é a forma máis acaídá que se me ocorre de dicir que sendo verdade que todo está escrito, calquera palabra é susceptible de ser convertida en poesía. Hai un poema, “Non odias os luns, odias o capitalismo”. Esa frase collina dunha pintada nun polígono industrial e, a partir dela, fixen un poema. A parte final do libro está inspirada nun feito real.

O escritor, músico, poeta Antón Reixa, co seu novo poemario.

O escritor, músico, poeta Antón Reixa, co seu novo poemario. / Xoán Álvarez

–“Acción Anakoluto”?

–Si. No funeral de Nelson Mandela, transmitido a todo o mundo, camuflouse un tradutor en linguaxe de signos que era un psicópata con antecedentes de asasinato. O que traducía coas mans non tiña nada que ver co que se dicía no funeral.

–Por que anacoluto?

–Porque é cando distorsionas a orde da palabra e o que traducía facía máis ca iso: un discurso sen sentido. Falaba dun repartidor de pizzas. Despois de volver con Rompente, tiven o convite dunha fundación para ofrecer unha performance e ofrecina vestido de branco coa cara en negro cunha pantalla con imaxes do funeral mentres facía de falso intérprete.

–Volvo a “Non odias os luns, odias o capitalismo”. O capitalismo usurpounos o cerebro?

–Ao capitalismo, pásalle como á relixión. En Occidente, a maioría das persoas non somos cristiás practicantes pero a relixión está integrada na antropoloxía, cultura e costumes. O capitalismo parece unha realidade inamovible cando hai outras formas de organizar a economía, o traballo e a produción pero o temos tan integrado que esquecemos que se pode transformar.

ANTÓN REIXA, NA LIBRARIA CRONOPIOS.

ANTÓN REIXA, NA LIBRARIA CRONOPIOS. / Xoán Álvarez

–Cando vostedes estaban na primeira xuventude, a xente saía máis á rúa.

–Son dunha xeración de perdedores, que se mobilizou a finais dos 70 e principios dos 80. Perdemos, foi unha renuncia.Fálase con retórica da Transición. En realidade, foi unha renuncia por parte dos que nos sentiamos á esquerda. Esa amargura segue dentro de min.

–A palabra é unha menciña?

–Si, a poesía se cadra non cambiará nunca ao mundo pero axuda a vivir nun mundo mellor.

–No poemario, hai constancia dun temor á perda da memoria, foi a raíz do accidente?

–Non. Cada vez que cumpres anos rodéaste máis de xente con demencia senil ou alzhéimer. É unha forma terrible de acabar a túa vida perder a memoria sobre ti mesmo. É un temor que teño.

ENSAIO DE OS RESENTIDOS.

ENSAIO DE OS RESENTIDOS. / Alba Villar

–Pois hai xente que quere alongar a vida máis alá dos 100...

–Non penso niso nin como distopía. A vida xa é abondo longa, dá para moito.

–A guerra tamén está presente no libro, é imposible loitar contra os señores da guerra?

–Algo horrible están facendo os señores da guerra porque nos están facendo tolerantes á barbarie. Entre 1940 e 1945 estivo ocorrendo o holocausto pero non se sabía. Agora asistimos a unha masacre, un xenocidio en directo e non somos capaces de reaccionar. Mentres falamos ti e eu agora, unha nena ou neno de Gaza non ten casa, non sabe onde ir, pode ser que lle morreran os familiares... é un horror en directo e non reaccionamos.

Suscríbete para seguir leyendo