Pedro Feijoo | Escritor, gañador do Premio Xerais de Novela 2023 que chega hoxe ás librarías

Pedro Feijoo: “Boa parte da política é un escenario de títeres manexado por xente allea”

“Vou chamar o meu avogado para atender posibles demandas”, sinala ante a nova obra que chega hoxe ás librarías, "Ninguén contará a verdade"

Pedro Feijoo.

Pedro Feijoo. / MARTA G. BREA

Mar Mato

Mar Mato

“Ninguén contará a verdade” (Premio Xerais 2023), a última novela de Pedro Feijoo –que Ediciones B edita en castelán–, é unha obra de ratas, falcóns, paraísos fiscais, pantasmas e sombras que se moven baixo as coroas ou capas de partidos políticos, medios, empresas,administración pública e mafias. Esta ficción do colaborador de FARO plasma triscos dunha realidade de doazóns a políticos, negocios-tapadeira, cargos a dedo e algunha que outra morte en raras circunstancias [lembran a de Rita Barberá ou Miguel Blesa?]. Unha vez máis os personaxes transitan por Vigo pero tamén por Silgar, Panxón e Compostela. Un consello: collan un folio grande e un boli para anotar os protagonistas e algún apuntamento. Non se asusten polas súas máis de 600 páxinas; voan.

–É o seu mellor traballo ata agora?

–É moi difícil responder. Non sei se é a mellor. Eu son o meu peor inimigo: se hai un erro eu vouno ver amplificado sempre. O que teño claro é que non todo vale. Aprendino con “Morena, perigosa e románica”. Publicar é unha responsabilidade. Se tes sorte de ter lectores, esa xente entrégache o máis valioso, o seu tempo. Tes que estar á altura. O que podo asegurar co corazón na man é que me deixo a pel e os ollos por facer o traballo o mellor posible.

PEDRO FEIJOO.

PEDRO FEIJOO. / Marta Rodés

–Precísase facer unha árbore cos personaxes ao estilo de “Cien años de soledad”.

–Esta é con diferencia, e nese sentido, a novela máis complexa das que fixen [70 personaxes]. Encantaríame facelo máis sinxelo pero a novela ten que ter verdade. Eu creo un paraugas de ficción baixo o que dar refuxio a historias reais. Moito do que se conta na novela son situacións reais. Ás veces, poño en boca dos personaxes diálogos sacados directamente das actas da Gürtel, de gravacións publicadas na prensa... Para describir ese escenario tan corrupto en tantos campos non podo contalo desde un único sector. Boa parte da política é un escenario de títeres manexado por outra xente que se dedica a outras cousas.

–Tras un arranque no que nos situamos ante a dor de varios personaxes, aparece o ‘capo’ Álvaro Novoa. Como o presentaría a quen inda non leu o libro?

–Tódolos personaxes teñen referentes reais detrás. Chámame a atención que te refiras a el como capo. Eu tamén o vía así. Cando empecei, tiña a sensación de escribir unha novela sobre a mafia. Mostro as relacións propias de clans mafiosos, de familias mafiosas. Cando empecei a diseñar a Álvaro Novoa pensei no tesoreiro dun partido. Despois, deime conta buscando información e entrevistándome con xente que encaixaba máis co cargo de secretario da organización. Fai referencia a todos eses fontaneiros internos que teñen os partidos políticos para decidir a quen se nombra para un cargo, quen soluciona un marrón, que falan ante a xente e entregan sobres.

–Tamén hai un banqueiro venezolano... Teme que alguén se poida incomodar por pensar que acusa a alguén de algo?

–Si que teño certa preocupación porque hai referentes que son moi claros. O que fixen dende o principio, como sempre, é traballar con moitísima documentación. A mellor foi a hemeroteca e as entrevistas directas. Deixeilles claro que só quería facer unha foto de familia, levantar un espello do que vivimos, pero non caer nese partidismo que hai en Galicia de dar por sentado que nós somos uns e eles, outros. Eu quería poñerme no medio do escenario e dar voz a todo o mundo.É ficción pero podería ser verdade perfectamente. Se alguén se molesta, pedirei desculpas.

–Tamén hai entidades reais como o Servizo de Control Financieiro Permanente, da Xunta de Galicia.

–Si, si. Eses espazos da Xunta que describo son reais porque me interesaba que a ficción estivera encadrada na verdade, nun marco recoñecible.

–Nas páxinas, aparece tamén unha empresa sanitaria con sede no Hospital do Meixoeiro, Galsanaria. É un nome moi parecido a Galaria, empresa que realmente existe e que ten esa ubicación. Unha firma pública na Xunta con cargos políticos...

–Nalgún momento lin algún chanchullo de Galaria cun titular incómodo referido a eles. A novela non é unha mensaxe en clave. Hai algo diso pero non é todo. Convertín Galaria en Galsanaria porque nalgunha parte do libro teño que ambientalo na Xunta pero iso non quere dicir que teña un correlato na vida real. Como a xente empece a revisalo todo con lupa, vou ir chamando ao meu avogado para ir atendendo as demandas e que as clasifique por código postal, nome...

PEDRO FEIJOO.

PEDRO FEIJOO. / Marta Rodés

–Nun momento, escribe que “o verdadeiro poder” é a información.

–Estou convencidísimo diso e é algo que no seu momento me remarcaba o voso director de FARO, Rogelio Garrido. A información é un activo valiosísimo, o importante é como a manexas. Quen ten o poder é quen sabe cousas. Fíxate en Villarejo, no seu poder.

–Os medios de comunicación tamén aparecen con choque de forzas. Quería darlle un toque épico de bos contra malos ou cunha escala de grises?

–Máis ben de escala de grises. Fago distinción entre o xornalista que se bate o cobre no día a día sacando noticias e o membro do consello da administración que decide que se conta e que non se conta. Dame a sensación de que nos últimos dez ou quince anos os grandes medios de comunicación, as corporacións, redescubriron ese cuarto poder. Teño na cabeza o caso de Atresmedia e os seus informativos. O descaro brutal e evidente que empregan para modelar e condicionar a opinión pública. Fan tertulias con pretendido calado social no que as estrelas son dúas formigas de goma espuma e que iso se lle dea a condición de foro paréceme dunha perversión terrible. Antes non tiña esa sensación pero cando ves quen son os accionistas da empresas comprendes cousas, de porqué se insiste en determinadas noticias e en que dirección.

–Un circo total.

–Si. Déronse conta de que somos máis necesarios do que pensamos, refírome á masa. Como nos activan? A través dos medios.

“Nin son exemplo de nada nin teño autoridade moral”

–Doazóns para campañas, suicidios, cargos a dedo... Recóllese moito lixo pero eses partidos seguen así. Hai esperanza?

–Si que se pode facer algo. Un exemplo tivémolo nestas últimas eleccións. Se nos preguntaran antes dos comicios, que ía pasar, todo o mundo daba por sentado un goberno de Feijóo coa ultradereita metidísima na vicepresidencia. Pero na campaña, creo que o descaro do candidato foi tan evidente, tan grandes as mentiras, vírono tan gañado que non se molestaban en desmentir que fosen pactar con Vox. A xente tomou conciencia de que esa xente é herdeira dunhas ideas terribles. De repente, houbo unha reacción. Por que non hai un goberno coa ultradereita? Porque a xente dixo que non, polos pelos. Iso dame esperanzas.

–A xente ve todos os días capítulos de corrupción pero ao velo no libro, inda que estea ficcionado, pode tomar más conciencia?

–Esa é a intención. Se serve para entreter o libro, marabilloso; pero eu non escribo porque sexa máis listo ca ninguén. Non veño dar leccións; non son exemplo de nada. Non teño autoridade moral. Máis ben ao contrario, escribo porque me atopo con cousas no meu entorno que non comprendo e que me preocupan. Creo firmemente no diálogo; escribo como quen lanza unha botella ao mar, para buscar comunicación. Ao mellor entre todos tomamos conciencia dalgo ou se abre un debate. Sei que funciona ese diálogo.Hai un momento na novela que falo no que fago números de canto diñeiro se pode sacar das comisións da construción dun hospital. Cando ese hospital non funcione ben, quen vai pagar as consecuencias es ti. Iso é algo que nos toma a todos.

Suscríbete para seguir leyendo