Pedro Feijoo conquista o Premio Xerais de Novela 2023

O escritor e columnista de FARO foi galardoado pola súa obra 'Ninguén contará a verdade' | María Reimóndez e Leticia Barbadillo acadaron o Jules Verne e o Merlín, respectivamente

O escritor e columnista de FARO Pedro Feijoo (Vigo, 1975) vén de coquistar o Premio Xerais de Novela 2023 pola súa obra 'Ninguén contará a verdade'. Así o deu a coñecer este sábado a propia editorial nas súas redes sociais. Xunto co vigués, tamén foron galardoadas María Reimóndez, co Premio Jules Verne, e Leticia Barbadillo, co Premio Merlín.

Feijoo, que xa fora finalista do certamen no 2011 coa súa primeira novela, 'Os fillos do mar', foi finalmente o merecedor desta edición XL Premio Xerais de Novela, na que se presentaron 36 orixinais. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, o vigués é neto do recoñecido escritor e xornalista do FARO Manuel de la Fuente, un gran defensor de Vigo e da súa memoria. Tamén no decano agasalla coas súas palabras o propio protagonista. A súa última peza no xornal foi 'Un ano sen domingo', adicada ao seu amigo Domingo Villar, falecido en maio do 2022.

O escritor, que acadou o premio coa súa obra 'Ninguén contará a verdade', aínda sen publicar, amosou a súa alegría en Twitter despois de coñecer a noticia: "Alégrame moito compartir a nova de que vimos de gañar o Premio Xerais de Novela con 'Ninguén contará a verdade'. De todo corazón, grazas a quen o fixestes posible. Moi feliz...". Feijoo felicitou ademais ás súas compañeiras María Reimóndez e Leticia Barbadillo por cadanseus premios, o Jules Verne (con 'Furia') e o Merlín (con 'A botella de lentellas'), respectivamente, ambos outorgados tamén por Xerais. Cada un deles recibirá 10.000 euros en concepto económico.

Alén das mencionadas facetas, o tamén colaborador da Radio Galega é músico, e nos últimos tempos ten destacado igualmente pola súa carreira como produtor e compositor.

Moi querido na comunidade literaria e amplamente participativo coa cidade de Vigo, unha das súas últimas aparicións públicas foi para amosar o seu apoio ao Celta antes do derradeiro partido de liga, na que o conxunto celeste conseguiu finalmente a salvación.

Unha xornalista en paro cunha "trama adictiva"

'Ninguén contará a verdade' relata a historia dunha xornalista en paro que acepta un encargo dun antigo compañeiro. "O veterano Salva Lamas pídelle axuda para desentrañar un caso de corrupción que afecta ao presidente da Xunta e que está a deixar un regueiro de vítimas", explica a propia Xerais. E segue: "Construtores, navieiros, banqueiros, avogados, altos cargos políticos, directivos de xornais e medios de comunicación... Todos obteñen beneficios da Administración pública. A súa ambición é absolutamente desmedida e son capaces de tomar calquera decisión, por terrible, violenta e destrutiva que sexa, con tal de conseguir a tallada que lles corresponde pola súa colaboración nun resultado electoral favorable para o partido político que ten o poder".

"A corrupción política preséntase como unha arañeira que atrapa de forma irremediable a todo aquel que se achega a ela. O resultado é unha novela ousada e ambiciosa cunha trama adictiva"

Os compoñentes do tribunal valoraron moi positivamente "un texto de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias no cal se evidencia un gran traballo de investigación por parte do autor e onde calquera lector ou lectora pode atopar referentes reais". Neste sentido, finalizan, "a corrupción política preséntase como unha arañeira que atrapa de forma irremediable a todo aquel que se achega a ela. O resultado é unha novela ousada e ambiciosa cunha trama adictiva".

Na pasada edición, foi a xornalista María Solar quen se fixo co Premio Xerais de Novela con 'A culpa'.